Atlántico

DESAFÍO DELIO FERNÁNDEZ

Paseo costeiro e final extremo

Un total de 280 cicloturistas afrontan o Desafío Delio Fernández (9:00), con saída en Moaña e final no alto de Domaio
Delio Fernández encabeza o pelotón nunha edición anterior da cita morracense.
Delio Fernández encabeza o pelotón nunha edición anterior da cita morracense.
Paseo costeiro e final extremo
Delio Fernández, tras finalizar onte a Volta a Burgos na décimo quinta posición, exercerá hoxe de anfitrión no Desafío que leva o seu nome e que, por cuarta edición, percorrerá a península do Morrazo e terá un final duro co ascendo ata Chan D'Arquiña, nas inmediacións do alto do Faro de Domaio.
A inscrición pechouse en 280 participantes, que deberán afrontar un trazado de 96 quilómetros con comienzo nas inmediacións da praia da Xunqueira, en Moaña. A hora prevista para o inicio da proba é as 9:00, polo que existe a posibilidade de que nos primeiros minutos da mesma apareza a choiva. Así o indica a previsión meteorolóxica e sería unha convidada non esperada para o mes de agosto, pero daríalle certo realismo á xornada porque trascorre polos lugares de adestramento habitual do ciclista morracense do Delko Marseille e, en moitas ocasións, o propio Delio Fernández ten dificultades meteorolóxicas. No referente ó trazado, os primeiros 70 quilómetros constituén a habitual volta ó Morrazo, con escasas dificultades orográficas, para iniciarse, a continuación, o ascenso ata o Lago de Castiñeiras dende Meira. Un ascenso longo e tendido (9,7 quilómetros ó 4,7%). Todo este treito será a velocidade controlada, para tentar que o maior número posible de participantes chegue ata o inicio do ascenso final a Chan D'Arquiña, un porto máis explosivo dende a parte baixa de Domaio ata o alto do monte. Son 6,6 quilómetros ó 8.1% de desnivel con treitos do 19%. Neste punto será o momento que os participantes poidan amosar todo o seu potencial como deportistas, mentres que outros tomarán a xornada con máis calma, como anunciou o propio Delio Fernández, que estará na cita pero sen acelerar a marcha. 
No referente ós nomes ilustres, na proba estarán os profesionais Gustavo César Veloso, Ángel Sánchez e Alejandro Marque, ademais do destacado amateur Samuel Blanco, do Rías Baixas. 
Na participación de históricos, estarán na saída Álvaro Pino, Óscar Pereiro, Ezequiel Mosquera ou o triatleta Pablo Dapena. Entre eles tamén destacará o exseleccionador español Javier Mínguez, que exerce de padriño da cita. Recibirá unha homenaxe pola súa longa e dilatada traxectoria no mundo do ciclismo español.
Por outra banda, a cita ten unha proba para cativos, que consiste nunha 'gymkana' en Chan D'Arquiña. A proba está pensada para que familiares dos participantes poidan unirse ó evento e, tras a súa actución, observar o final dos adultos. Seguro que moitos deles animan ós maiores nas duras rampas do final do trazado. 
No referente ó historial, non defenderán a vitoria do ano pasado o porriñés Jacobo Ucha e Silvia Blanco, polo que o trono queda vacante. En mulleres, a gran favorita é a grovense Lara Lois, unha das mellores ciclistas de España na modalidade de bicicleta de montaña. En homes, ante o gran cartel da proba, facer unha aposta segura é difícil polo bo nivel dos participantes e tamén porque é complicado coñecer as súas intencións antes da cita. As duras rampas morracenses decidirán.n