jorge castro. vigo

Os heroes inesperados

Rubén Soliño lanza a portería nunha acción do partido de onte no pavillón do Gatañal.
photo_camera Rubén Soliño lanza a portería nunha acción do partido de onte no pavillón do Gatañal.

O Frigoríficos estará unha tempada máis na Asobal tras superar ó Teucro, que descende

Unha tempada máis, o Frigoríficos do Morrazo Cangas cumpriu no seu santuario do Gatañal esa xa especie de costume bendita, unha gloria deportiva de acadar a permanencia na categoría ante un público entregado e contra un rival directo, nesta ocasión tamén veciño, o Teucro pontevedrés. Era un partido a vida ou morte para o equipo da capital da provincia e de penúltima bala para o local. Foi a derradeira porque gañaron os xogadores adestrados por Magí Serra ante unhas bancadas ateigadas ata a cantina, como é habitual nos grandes partidos do primeiro equipo de Cangas, o que levanta paixóns na vila. 
Como toda fazaña deportiva, sempre aparecen uns protagonistas. No Frigoríficos un é sempre invariable, o público, e outros case invariables como Suso Soliño ou Alen Muratovic, con tantos anos na entidade que case se perden na memoria. Non obstante, os focos onte tiveron dous protagonistas inesperados, uns heroes impredecibles e que resumen a filosofía do club, o central Rubén Soliño e o porteiro Pablo Galán. 
O pequeno primeira liña porque leva a toda a vida deportiva no conxunto do seu pobo e xa chega ós trinta anos como eterno central suplente do equipo. Un xogador que renova ano a ano porque ninguén -probablemente el tampouco– pensou nunca que marchase a otra formación. É un veciño que está na pista porque tiña cualidades porque, de ser algo peor, estaría animando ó seu irmán maior, Suso Soliño, heroe en innumerables ocasións con anterioridade. Onte foi o pequeno dos irmáns o que rescatou ó Frigoríficos na peor situación da segunda metade, cando marchaba con tres tantos en contra. O Teucro pasaba polo seu mellor momento e o ataque cangués entrou nun dos seus habituais atascos. Rubén tomou o centro da pista e moveu ó equipo ben, con intelixencia, buscando os espazos e ata sacando exclusións. Así, o Frigoríficos remontou cando parecía o partido perdido. Incluso, o pequeno central atopou o camiño do gol para facer catro tantos sen erro no lanzamento. 
O segundo nome, aínda máis inesperado, foi o do porteiro Pablo Galán. Como sempre este curso, Javi Díaz estivo entre paus para asinar porcentaxes por enriba do 30%. Tivo un inicio de partido notable e un final decisivo cando sacou a Cutura e ó pivote Bela dous lanzamentos en seis metros sen oposición. Polo medio, o suplente Galán saiu en duas ocasións ó campo para tentar evitar que, precisamente Cutura, o xogador con maior acerto en lanzamentos de 7 metros de toda a Asobal, cumprise co seu ritual. As dúas veces, o cancerbeiro do equipo local evitouno para facer dúas paradas que sorprenderon ata ó conserxe do Gatañal. A vitoria foi por un único gol, cuestión de facer contas. 
Dous protagonistas na vitoria da salvación do Frigoríficos do Morrazo ante o Teucro, onte o equipo que marchou coas bágoas de tristeza da pista canguesa. Para manter a categoría e cumprir un ano máis co ritual case milagroso da permanencia canguesa. Unha fazaña que ten características de heroicidade, que se repite cada tempada e que soamente é posible por esa asimilación de equipo, afección e familia tan peculiar, tan fermosa.

Frigoríficos del Morrazo Cangas:
Javi Díaz (p), Vujovic (1), Simes (5), David Chapela (2), Dani Cerqueira (2), Muratovic (3), Mitic (2) –sete inicial–, Rubén Soliño (4), Suso Soliño (1), Pablo Galán (ps), Cancio, Gavidia, David Iglesias (1), Peiró (2), Pablo Castro. 
Condes Albarei Teucro:
Santana (p), Póveda (4), Iván Fernández (2), Fisher, Bela, Mosquera (4), Sergio Pérez (5) –sete inicial–, García Lloria (ps), Rial, Samu Gómez (3), Cutura (4), Carlos Gehrhardt (1), Yano Piovarcz, Prada, Samuel Pereiro (1), Remeseiro. 
Parciais:
2-0, 4-2, 5-4, 7-5, 9-8, 12-11 (descanso), 15-15, 16-19, 20-21, 22-21, 23-23, 25-24. 
Árbitros:
Ignacio García Serradilla e Andreu Marín Llorente. Excluiron dous minutos a Vujovic e Cancio polo Frigoríficos e a Póveda, Cutura, Carlos Gehrhardt e Bela polo Teucro. 
Indicencias:
Penúltima xogada disputada no pavillón cangués do Gatañal ante, aproximadamente, 2.500 persoas. Totalmente cheo. 

Te puede interesar