Traineras

Oro femenino de Tirán y doble podio de Chapela en Bueu

As remeiras de Tirán Pereira celebran a vitoria no Campionato Galego celebrado onte en augas de Bueu.
photo_camera As remeiras de Tirán Pereira celebran a vitoria no Campionato Galego celebrado onte en augas de Bueu.
A “Mosqueira” obtivo o seu primeiro título autonómico no Galego de Bueu, no que Ares tamén deu a sorpresa en homes ó superar a Cabo da Cruz; Chapela colleitou dous bronces

Chegou o día no que os prognósticos saltaron polos aires e onte Cabo da Cruz, no Campionato de Galicia trasladado a xuño, perdeu a súa hexemonía no remo autonómico. Ou, para ser precisos, cedeu no certame de traiñeiras tras seis vitorias cosecutivas en homes e catro en mulleres. E, na proba feminina, a bandeira foi para Tirán Pereira que acada o seu primeiro título feminino. 

A mañá resultou dura no campo de regatas de Bueu, no que o vento do nordés provocou unha regata longa e difícil, de moita inestabilidade e ondas de costado. A peor situación posible para unha situación do interior dunha ría. Non son circunstancias habituais e notouse porque as velocidades foron baixas, os regos eternos e o padecemento físico tivo como engadido a incomodidade. Neste contexto, chegou a vitoria da “Mosqueira” de Tirán, que estivo cimentada nun primeiro longo inmenso de máis de seis minutos e medio e no que as moañesas tomaron a baliza con sete segundos de diferenza sobre Cabo da Cruz. Moita renda. A partir de aí, mantívose a loita na que as remerias de David Serodio incluso chegaron ó último longo cunha distancia de dez segundos. Quedou un regreso á primeira baliza agónico, sen folgos e de padecementos cunha regata que se marchou ós 25 minutos, catro máis dos habituais. Pero resistiron as moañesas para gañar cunha marxe de catro segundos e acadar o primeiro Galego feminino para un club histórico como o do Con. 

Por detrás, Chapela, que quería loitar cos dous barcos da Liga Euskotren, xa estaba fóra da pugna na metade da regata e Cesantes asinou a cuarta posición. Estes dous barcos terán que esperar algunha baixa para ir ó Campionato de España desta fin de semana en Donostia. Tirán e Cabo da Cruz obtiveron a clasificación directa. 

En homes, Ares e Cabo da Cruz ofreceron un espectáculo notable. Vogaron proa co proa toda a regata e o bote coruñés resolveu no derradeiro longo por dous segundos para rachar unha xeira de seis vitorias consecutivas do barco de Boiro. Os dous acudirán a San Sebastián esta fin de semana. Chapela foi terceira e superou a Bueu, un barco da ACT. 

A mañá de remo comezou o Autonómico para veteranos e aí si que foi primeira Cabo da Cruz, tanto en mulleres como en homes. Cumpriron o previsto.

Te puede interesar