bolos celtas

O Xunqueira, rei do sur

O Xunquiera acadou a vitoria na Liga Galega Sur de bolos celtas que rematou o pasado sábado.
photo_camera O Xunquiera acadou a vitoria na Liga Galega Sur de bolos celtas que rematou o pasado sábado.
O club de Gondomar acadou a vitoria de liga para manterse como equipo de referencia
Un deporte nado e conservado na tradición popular. Conservado en clubs de aldeas ou parroquias e cunha Liga Galega Sur de varias décadas de duración. Os bolos celtas están lonxe de pasarse de moda e continúan con moita vida no Val Miñor porque nos concellos desta comarca están ubicados os equipos dos tres categorías da Liga Galega Sur, "menos dous que son de Tomiño", afirma Inocencio Valverde 'Chiño', presidente da entidade de referencia neste deporte, o Xunqueira, que acadou a vitoria na Primeira División que finalizou o pasado fin semana. 
"Dos últimos quince anos gañamos unhas once ligas máis ou menos", afirma o dirixente, que tamén é xogador. De feito, aclara que "incluso os mellores, que entran na selección galega, van o Campionato de España e ó Mundial, que pode ser en Uruguai ou Arxentina. Depende do ano. Eu cheguei a ir a un, pero por traballo tiven que renunciar a algún máis".
En todo caso, a disciplina que se xoga na Liga Galega Sur non é exactamente igual que a de Asturias ou a da Mariña lucense, dous lugares tamén con moita tradición neste deporte. Chiño explica que "é parecido ás boleras indoor, o bowling, pero con cousas diferentes. Os campos teñen 21 metros de longo e, de onde tiras ós bolos hai unhs cinco ou seis metros, pero se algún dos que derribas pasa a liña de 21 metros, suma nove bolos máis. Por iso hai que ter forza e tamén certa técnica". 
O material e de madeira resistente, principalmente de buxo, que soporta os impactos. Chiño matiza que "nós reunimonos unha semana antes de empezar a liga, non antes. No inverno nada, co mal tempo non facemos nada. Despois, unha vez que sabes, a práctica non se perde e dando unhas 'boladas' unhas semanas antes, xa está no sitio". 
Con esta formulación, o Xunquiera mántense como un club de referencia e o responsable expresa que "no equipo estamos sete, o que nos permite facer un cambio. Somos poucos porque o mínimo son seis e se temos algún problema, temos que pedir un aprazamento. A todos lles gusta gañar, pero os clubs somos un grupo de amigos. Sempre xogas para iso. De feito, nós non somos o mellor equipo, pero igual somos os máis regulares. Imos ó erro do rival a aproveitalo. É un pouco como o fútbol".
O mandatario engade que "é un deporte que se mantén nas parroquias e tamén é de xente maior. Nalgúns clubs si que hai rapaces pequenos, pero a maioría somos xa veteranos. Depende do club o do equipo. É certo que os nenos que comezan si que continúan". 
En todo caso, o mandatario matiza que "varios equipos están facendo canteira, con cativos. Incluso teñen os seus campionatos propios, tanto de Galicia como de España". Son os xogadores que teñen que relevar a Chiño e a outros xogadores para manter a tradición dos bolos celtas no Val Miñor.n

Te puede interesar