ciclismo

Mans e cabeza no pelotón

José Luis Boente, de Pontereas, forma parte do equipo de auxiliares do Trek e onte rematou a Vuelta a España.
photo_camera José Luis Boente, de Pontereas, forma parte do equipo de auxiliares do Trek e onte rematou a Vuelta a España.
José Luis Boente, de Ponteareas e osteópata do Trek, cubriu a Volta a España dende o interior da carreira 
José Luis Boente xa é un experto no pelotón internacional. Acumula dezaoito anos na elite do ciclismo, a última década dentro da estrutura do actual Trek Segafredo. Un tempo para coñecer este mundo totalmente profesionalizado e tamén para acumular experiencias, no seu caso, con moitas particularidades porque como principal actividade é o osteópata do equipo. A isto, como todos os auxiliares, xa sexan médicos, masaxistas ou mecánicos, realiza labores de apoio necesarias no día a día. 
"Este ano, durante a primeira metade, fixen a ruta de hoteis, dun a outro. E, a partir do ecuador da Vuelta, estou facendo carreira. Concretamente, a miña misión é ir a levar auga a un determinado punto. Esperas alí polo paso dos corredores, despois vas a meta e para o hotel. Ó chegar tes unhas dúas horas para tratar ós ciclistas. Tratas tres ou catro todos os días, especialmente ós que teñen máis problemas", expresou.
No seu caso é un dos auxiliares que se sitúa estes días en altos ou en sitios estratéxicos onde a carreira pode pasar moi rota. "A organización xa mete recorridos alternativos para autobuses, avituallamento e, incluso, para determinados puntos de auga. O día anterior, chega un correo con estes puntos", indica o de Ponteareas. E engade que "nesta función de levar auga a un determinado lugar si que falas máis cos seguidores porque estás alí esperando ó paso do pelotón cos bidóns e, ó final, é o que fan eles tamén. Eu estou traballando, pero sempre comentas algo e preguntan cousas. Es un máis". 
E quizais neste contexto, e tamén por axudar un pouco máis, Boente admite que se pasa un corredor do seu equipo en fuga berra como bo amante do ciclismo: "Pégaslle algún grito de ánimo. Por suposto. É difícil gañar, pero teñen que intentalo". 
Non obstante, na configuración de profesionais cualificados que ten un equipo World Tour como o Trek, o de Ponteareas é o osteópata e, como tal, "cada día, entre traslados –que nesta carreira non se reducen– e as diferentes actividades, tes unhas dúas horas para tratar os corredores. Cando hai algún que está mal por algún motivo, por caída ou lesión, ten tratamento todos os días, pero os outros van rotando. Pola mañá, ó levantarme, algúns días incluso trato a algún de urxencia se é preciso". 
Curiosamente, neste día a día de moita actividade, Boente ten a xornada de acumulación no de descanso dos corredores. "Teño que tratar as cousas que non fixen nos días anteriores. Ademais, a Vuelta a España ten moito traslado, demasiados, e chegas tarde ós hoteis. E así apenas podes traballar cos corredores e as cousas que son máis difíciles quedan atrás. Para os masaxistas, mecánicos e o osteópata, o de descanso é o día máis duro de toda a carreira", explica o ponteareán. Neste contexto, o pasado luns estivo dende ás 15:00 horas ata pasadas as 20:00 cos deportistas en tratamento. "Edward Theuns non sei como non se retirou. Tivo unha caída na contrarreloxo e está bastante mal", asegura. Tamén explica que na ronda española, ó ser final de tempada, "a xente está máis cansada e tamén chegan as lesións de forma máis doada. A xente perde a postura, vai pedaleando medio torto e así aparecen os problemas". 
Tamén é unha época na que os equipos "teñen os líderes xa fichados, pero sempre queda algún baleiro de última hora". Deste xeito, Boente explica que "aparece certa tensión e algún ciclista quere facer nesta proba o que non fixo en todo o ano". Unha situación que non é aconsellable, analiza o auxiliar do Trek dende a súa posición. E tamén admite que "entre os auxiliares comentamos posibles fichaxes e movementos, incluso co mánager do equipo. Pero, ó final, ti non decides nada e eles tamén contan o que queren dicir". 
Con case vinte anos en equipos profesionais, José Luis Boente viviu moitas circunstancias e admite que "nalgúns casos, falas cun corredor que ves que está no límite para marchar ou que ten dúbidas e é un bo rapaz e dislle: pois fala co mánager, explícalle que ti podes traballar soamente para o líder ou para quen sexa, que tes motor para facelo e por un pouco menos igual quedas. Iso tamén é parte do ciclismo. Igual non vas a gañar o que gañabas, pero podes seguir aquí varios anos máis con menos tensión e podes facer o que che gusta. Despois, tamén podes ver algún que igual fai cousas mal e dislle: pois eu traballei con este líder ou con aquel e fai isto e o outro".
Consellos para uns corredores que "teslle cariño. Podes ter un día ou outro un encontronazo, pero non vai a máis porque son boa xente. E tamén son rapaces moi novos. Ó final teñen 30 anos como moito e son pequenos. Deportivamente poden ser moi maduros, pero de cabeza son menos porque dende moi novos gañan moitos cartos".
Precisamente, no mercado moveuse o Trek este ano para fichar a Vincenzo Nibali. "En marzo xa o sabíamos no equipo", admite Boente. E tamén analiza que "é un ciclista contrastado, de 34 anos, pero non deixa de ter esa idade. Non é un Evenepoel ou un Pogacar que vén con forza". Non obstante engade que "toda a información que temos é que é estilo Valverde, un gran profesional e que ademais ficha con nós porque quere un bo equipo onde poder gañar e non polos cartos. Que non de todo o mundo recibes esta información". A isto engade o preparador de Ponteareas que "aínda este ano fixo segundo no Giro de Italia despois da fractura de vértebra do ano pasado no Tour. A súa calidade é incuestionable". 
O vindeiro ano, o 'Tiburón de Messina' pasará polas mans de Boente como antes o fixeron Cancellara ou Richi Porte.n

Te puede interesar
Más en Deporte local