duatlón

Gañaron os da casa en Nigrán

O pelotón masculino inicia a carreira na xornada de onte polas estradas do parque empresarial de Porto do Molle.
photo_camera O pelotón masculino inicia a carreira na xornada de onte polas estradas do parque empresarial de Porto do Molle.
Os vigueses Celso Comesaña e Cristina Torres acadaron a vitoria onte no duatlón disputado en Porto do Molle 

Apertura da tempada e do ano competitivo para a modalidade de duatlón e vitorias desas que ilusionan e deixan satisfeitos ós asistentes e ata os organizadores porque dous locais, Celso Comesaña e Cristina Torres, chegaron na primeira posición á liña de meta da proba de Nigrán, pero organizada polo Mar de Vigo. 

En homes, Comesaña aproveitou a súa velocidade no treito final de carreira para facerse coa vitoria tras os dous primeiros sectores marcados pola igualdade, pero os últimos 2.500 metros foron decisivos, co deportista vigués como o máis rápido. De feito, é un especialista na carreira a pé e exerce de guía en atletismo da paratriatleta Susana Rodríguez. A segunda posición foi para Ricardo León e Carlos Juanatey rematou terceiro, ambos do Artrogal-Tri. 
Na categoría feminina acadou a vitoria Cristina Torres, que representou ó club organizador do Tríatlón Mar de Vigo, polo que a ledicia foi por partida dobre ou, incluso, triple porque gran parte do público asistente animaba á viguesa. No seu caso, chegou ó último treito de carreira a pé cunha renda favorable de seis segundos tras unha bicicleta algo dura debido ó vento. A distancia non era moita pero era máis que suficiente porque a viguesa levaba un punto máis de ritmo que as súas perseguidoras. De feito, a emoción estivo por coñecer a segunda e a terceira posición do podio. Silvia García superou por cinco segundos a Uxía Fernández para pechar as prazas de podio. 

A xornada completouse coa vitoria de David González e Laura Alonso na categoría cadete. Entre todos os participantes, un total de 134 competidores remataron a primeira edición do Duatlón Popular Concello de Nigrán, que contou cunha boa asistencia de público nun trazado que permite seguir de preto a competición.

Te puede interesar