traiñeiras act

A favor de vento e marea

Samertolameu (verde) e Tirán crúzanse nun momento da regata de onte en Bermeo.
photo_camera Samertolameu (verde) e Tirán crúzanse nun momento da regata de onte en Bermeo.
Tirán, primeira, e Samertolameu, terceira, avanzan no seu obxectivo de ascenso á ACT 
Bermeo recibiu ás traiñeiras con todo o seu potencial de mal tempo e ondas. Soprou o vento en dirección contraria ás ondas para converter a primeira xornada do 'play-off' da ACT nunha regata de extrema dificultade, de vogar técnico para os remeiros e moito traballo para os patróns nunha inestabilidade constante na que os barcos moañeses de Tirán Pereira e Samertolameu asinaron unha actuación notable, que sitúa a "Mar do Con" con pé e medio na máxima categoría e deixa a "A Terca" con claras opcións de ascenso na terceira posición nunha regata resolta en cinco segundos. Foi o que separou ó barco moañés, primeiro, de San Pedro, quinto. A resolución chegará hoxe en Portugalete (12:00, TVG2). 
Onte, en Bermeo, as condicións meteorolóxicas foron de mal en peor conforme avanzou a tarde de remo. As ondas entraban de costado, con máis dun metro de altura, e o vento forte soprou de Oeste, para axudar no primeiro longo e frear ás traiñeiras no último. E, a isto era preciso engadir que o campo de regatas, polo efecto dos peiraos, era cambiante. O mar, nos douscentos metros máis próximos á terra, era completamente diferente ó da parte exterior do campo. Neste contexto, viviuse unha regata de infarto, en cinco segundos movéronse todos os barcos en tódalas balizas con posicións cambiantes. Pedreña perdía tempo co vento a favor e na ceavoga de terra para rematar cuarta. San Pedro virou ben, pero faltoulle velocidade punta e 'txampa' final para ser quinta, mentres que Zarautz, undécima da ACT, amosou unha gran capacidade técnica nos treitos de inestabilidade, pero sufriu cando había que tirar de forza e un papel semellante realizou Samertolameu, coa diferenza de que os pupilos de Dani Pérez pasaron segundos no longo inicial, aguantaron no ecuador da regata e volveron a recuperar no terceiro para poñerse a un segundo de Zarautz e co mesmo tempo que os veciños de Tirán, pero nesta manobra perderon a regata. Pasáronse máis dunha pada á hora de virar e cederon uns segundos chave porque remataron na terceira posición a 78 centésimas de Zarautz e a 1.48 da "Mar do Con". Una manobra negra nun día sen marxe para o erro.
Pola súa banda, Tirán Pereira realizou unha proba notablemente completa, sempre a bo ritmo e sen erros. Soamente errou no primeiro longo, no que pasou a seis segundos do mellor tempo, pero recuperou despois. Estableceu o terceiro tempo no ecuador da regata e o segundo na última ceavoga para rematar de recuperar o tempo no último longo. Feito a morte e con certa inestabilidade no barco, pero a traiñeira avanzou para dar o primeiro golpe.
A "Mar do Con" asegura o ascenso se remata entre os dous primeiros hoxe en Portugalete. A terceira praza depende da suma de puntos e tempos. Precisamente a vitoria case garante o ascenso a Samertolameu. A segunda praza xa obriga a tirar de cálculos e, a partir de aí, as opcións xa son remotas. En todo caso, o dobre ascenso moañés é unha realidade que cobrou forza onte e debe resolverse hoxe. A ameazas son Zarautz, segunda, e tamén Pedreña, cuarta a pouco tempo e cunha tripulación de moita potencia, que hoxe na calma e marea baixa de Portugalete parte como favorita.n

Te puede interesar