LORENA PÉREZ. Extremo do Mecalia Atlético Guardés

"Estaba fóra do balonmán e agora xogo en Europa"

LORENA PÉREZ. Extremo do Mecalia Atlético Guardés
photo_camera LORENA PÉREZ. Extremo do Mecalia Atlético Guardés
Lorena Pérez (Salceda de Caselas, 4 de abril de 1991) vive a segunda tempada no Guardés despois de moitos anos na División de Honra no Porriño. O domingo xoga a eliminatoria de volta da Challenge Cup contra o Thun na Sangriña. 

Creo que vostede goza de forma especial nestes partidos europeos. 
A verdade é que si. É un soño ter a opción de xogalos. Tanto o ano pasado como este. Uns meses antes de empezar a tempada anterior estaba fóra do balonmán e non pensaba en estar nunha competición así. Son especiais porque tes a opción de viaxar, de xogar contra equipos de fóra e atopar maneiras distintas de vivir o balonmán. Ademais, esta tempada temos unha dobre ilusión porque a Challenge Cup é un pouco máis doada que a EHF do ano pasado. Os rivais, quizais, non teñen o mesmo nivel e non sabes o que pode pasar. É preciso ir rolda a rolda, pero existen opcións de que marchen as cousas ben e, incluso, de xogar algo importante como unha final. Sería facerse moitas ilusións, pero igual é posible. 

¿Falan desta opción entre as xogadoras?
Si, si porque sempre observas os equipos cos que podes xogar e tamén diferentes partidos. Algúns non teñen o mesmo nivel que outros e despois hai que xogar e calquera pode sorprender, pero temos un pouco máis de ilusión que o ano pasado porque tocounos o Kuban de Krasnodar, que era un equipón. Alí gañamos, pero non tivemos capacidade para manter a renda na casa. Aínda que sexa de forma inconsciente, faste algunha ilusión porque soñar é gratis. Sabemos que imos a competir ben e comentamos a opción de chegar o máis lonxe posible.  

E no seu caso, que nunca sabe se pode volver a pasar. 
Eu hai dous anos estaba case retirada e agora estou vivindo esta aventura. Podo viaxar, que está moi ben, e compartilo cun equipo, que é o máis emocionante de todo. O Rocasa xa gañou dúas veces a Challenge Cup e a ilusión que tes pode gañar partidos. Eu estaba queimada e desilusionada. Para min estar no Guardés é unha reconciliación con este deporte. Atópome moi ben e nin penso deixalo.  

Vostede é profesional ós 28 anos. 
Estiven                           
moito tempo na División de Honra, pero sen ser profesional. Antes de deixalo, nunca tiven unha opción como a que podo vivir agora. Cando chegou, pilloume completamente desprevida, non o esperaba para nada. Agora dedícome ó balonmán, podo considerarme profesional. É un premio que non esperaba e que estou gozando.  

Como é este novo Guardés?
Chegaron moitas baixas este verán e de xogadoras que eran importantes. As novas compañeiras que viñeron son de idade baixa ou non coñecidas en España. Todo ten un proceso de adaptación e de coñecemento entre nós. A xente ten expectativas altas, pero igual non existían tantas esta tempada. Pouco a pouco, como formigas, traballamos e o equipo aínda ten moito por dar, pero acoplámonos. Seguro que cometemos moitos erros, porque é algo normal, pero este equipo ten algo diferente e é a capacidade de sufrimento. Sacamos moitos partidos adiante loitando, con marcadores en contra, pero con entrega ata o final.  

As xogadoras tiveron que dar un paso adiante?
Foi asumir protagonismo porque marchou xente que tiña moito peso no equipo. Outras, como no meu caso, igual non tiñamos responsabilidade e agora todas as xogadoras que estamos no equipo temos que sumar. A responsabilidade é moi alta e estamos respondendo ben. Igual non destacan unha, dúas ou tres, pero sobresae o equipo ó completo. 

Nas eleccións á Federación Galega presentouse a representante de xogadores e saíu elixida. 
É importante que os xogadores, pouco a pouco, vaiámonos implicando en cousas do noso ámbito. Houbo un cambio na presidencia da Federación Galega de Balonmán, que creo que era necesario, e tamén nós temos que aportar e sumar. Os que levamos moitos anos neste deporte é bo que nos mollemos e nos metamos. Se queremos melloras, temos que loitar por que cheguen. Como todo proceso, é preciso un período de adaptación e igual levaba moitos anos parado. Agora existen moitas cousas por facer. Igual vai lento, pero é preciso facelo ben e teño a confianza de que se van a facer as cousas ben. Precisamos trocos e mellorar para que as vindeiras xeracións teñan mellores condicións que as nosas. 

O fútbol feminino está agora en folga polo convenio colectivo e no balonmán levan anos falando. Como valora esta situación?
É un tema que está presente e falamos, pero é complicado. Existen tantas cousas que deberían trocarse... Tamén hai outras moitas que se melloraron. Eu, por exemplo, nos anos de balonmán, noto os cambios. O que está claro é que son lentos e, igual, as seguintes melloras xa non me cheguen a min como deportista. Temos que seguir empurrando e tomar exemplo do fútbol feminino para loitar máis polos nosos dereitos. Igual acostumamos mal á xente e nós estamos mal acostumadas a ceder en demasiadas cousas e conformarnos con pouco. Temos que ir cambiando. O que sucede é que moita xente que se dedica ó balonmán faino por amor ó deporte e fai a vista gorda en cousas, que, noutro ámbito, non o faríamos. 

Que sinte canto aparecen tantos afeccionados galegos nun pavillón de Suíza?
É algo incrible. Algo nos dixeron, pero chegas alí e a metade da grada é de aquí... Ademais estaban moi implicados, con nenos pequenos e todo. É algo moi emocionante porque era Suíza, que non está, precisamente, ó lado da Guarda. 

Como é ter a grada da Sangriña ó seu favor?
Eu xa o pasaba moi ben cando xogaba alí como rival. Con envexa porque todo o mundo quere ter algo así. É moi importante porque engancha. Xa teño amigos que son socios do Guardés. Ter este ambiente a favor é marabilloso, é como ter un xogador máis no campo. Se normalmente xa vives un partido, con ese ambiente entras moito máis.n

Te puede interesar
Más en Deporte local