O Eifonso é un océano

Os corredores tiveron que afrontar ascensos duros e José Fontán (dorsal 64) rematou na segunda praza por detrás de Marco Antonio Pascual.
photo_camera Os corredores tiveron que afrontar ascensos duros e José Fontán (dorsal 64) rematou na segunda praza por detrás de Marco Antonio Pascual.
Marco Antonio Pascual, ó sprint sobre José Martín Fontán, e Victoria Moreu gañaron un Trail do Eifonso con 160 atletas e marcado polos pasos de río, o lameiro, as caídas e o frío

O río Eifonso pasa por pouco de regato. Coas choivas do inverno xa semella un curso de auga decente e, nunha ocasión como a de onte, parece un océano porque aparece en tódolos sitios e recunchos. Un total de 151 corredores remataron á proba competitiva do Trail do Eifonso ós que engadir a unha ducia da andaina matinal. E todos atoparon auga en cada recuncho, tras cada curva, nos muíños, e por suposto, nos cruces do río, que foron habituais e xenerosos. A organización preparou un trazado no que mollar os pés non era unha opción, era una obriga. E, para que negalo, ós participantes pareceulles unha gozada. Por momentos, o Eifonso tamén pareceu unha piscina con temperatura fresca.  

Gañou Marco Antonio Pascual, que superou ó sprint tras hora e media de carreira a José Fontan, mentres que Victoria Moreu impúxose entre as mulleres cunha renda ampla e lucindo unha fermosa ferida nun xeonllo ó cruzar a meta. Porque a auga estaba por todos lados, no río, nos regatos, nas levadas e nos camiños. En moitos puntos, misturada co lameiro e, nalgúns, baixo unha capa de follas marróns caídas propias do outono que deixaban imaxes de postais para gozar, fundamentalmente, subindo, porque baixando bastante traballo era non escorregar. E foi traballo porque un gran número de corredores tocaron o chan ou o río, como o exxogador de fútbol Toni Dovale, cunha caída na que marchou case de cabeza ó Eifonso. 

Levantarse, rirse un pouco e seguir adiante porque os corredores estaban para pasalo ben. Algúns avanzaban chapoteando nos fochancos como adultos convertidos en nenos pequenos con botas novas. Diriase que como os cochos no lameiro -incluido o que escribe-. Ese non é o titular porque alguén pode ofenderse. Pero foi a realidade.

Te puede interesar