rugby

E os plans saíron ben, por fin

Os xogadores do Kaleido Vigo celebran a vitoria tras o ensaio de Tatafu ante a desesperación do Zarautz.
photo_camera Os xogadores do Kaleido Vigo celebran a vitoria tras o ensaio de Tatafu ante a desesperación do Zarautz.
O Kaleido Universidade superou ó Zarautz nas Lagoas para subir ata a novena praza nunha exhibición defensiva

Bloque, bloque", berraban os xogadores do Kaleido Universidade en cada ocasión que tiñan que recolocarse en defensa. A idea da formación de Pablo Cabrera estaba clara e pasaba por unha cuestión tan sinxela como complicada de facer, mandar no partido de rugby a través da defensa, da asfixia constante ó rival e, máis que na efectividade nos contactos, a través do ritmo e da anticipación, conceptos de extrema dificultade porque esixen manter unha velocidade –acompañada da concentración– case imposible para un equipo amateur, sen dedicación absoluta ó deporte. 
Non obstante, durante todo o encontro, o equipo de Pablo Cabrera logrou incomodar ó ataque visitante, especialmente cando tentaban acumular fases. A formación vasca, que loita por meterse na promoción de ascenso, careceu de capacidade de lectura de xogo e, salvo en contadas excepcións, estivo sempre un paso por detrás dos seus rivais, con especial incidencia nos medios, onde o medio de melé Elustondo acumulou unha mala decisión tras outra froito da presión local.
No concreto, a primeira metade foi case completamente de mando local. Sempre dende a presión defensiva, o Kaleido Vigo tivo posesións para facer puntos, pero volveu a errar nesas fases de definición que tanto o caracteriza. Non obstante, ó contrario de outros encontros, as decisións que tomaron foron boas, traballaron na conservación do balón e no xogo de dianteiros medrou unha semana máis a autoridade do arxentino Facundo Muñoz nas fases estáticas, no contacto e ata no xogo aberto. Un deses xogadores que todo adestrador quere ter porque fixo todo o seu traballo o realizou ben e nos laterais asegurou os propios e roubou uns cantos do opoñente. 
Baixo este guión, Gabardos abriu o marcador, o propio Muñoz ampliouno cun ensaio tras roubo en melé e ataque constante e veloz de lado a lado do campo, e Carlos Davila puxo o 11-0. O Zarautz, sen posesión nin ideas, anotou un golpe de castigo antes do descanso para poñer o 11-3 que, a pesar da renda en contra, era un bo resultado polo visto sobre o céspede das Lagoas. 
Porque no inicio da segunda metade o encontro entrou no guión que parecía máis lóxico ó principio. A formación visitante tirou de experiencia para comezar a facer dano ós locais. Gañou un par de melés e nos xogadores do Kaleido Vigo apareceron eses erros de cativos. Unha patada curta para facilitar o ataque rival, outra directamente ó á do equipo vasco para o contragolpe e, incluso, unha saída tras encaixar un ensaio directamente fóra. "Así é imposible", pensaría o técnico Pablo Cabrera dende o banco.
Foron case vinte minutos de erros constantes e co engadido da expulsión por cartón amarelo de Emilio Brizuela. O Kaleido Vigo estaba con padecementos na melé e, a partir de aí, o Zarautz atopou unha vía de auga enorme para facer dano. Sacou golpe de castigo tras golpe de castigo dende esa posición e, dun momento a outro, o Zarautz pasou de perder a un 11-13 a favor tras un ensaio de castigo por superioridade na melé e nunha secuencia de xogo con ata tres formacións perdidas deste xeito. 
O partido xa estaba camiño ó País Vasco ata que a presión volveu a dar froito. Correu a liña de tres cuartos e os visitantes quixeron realizar unha xogada ensaiada con patada a seguir. Durmiu un pouco máis da conta Sorreluz, Facu Fernández tapou e o rexeite saíu cara adiante. Non existía cobertura e, polo tanto, o apertura do Kaleido Vigo chegou para dar un par de patadas e ensaiar. Un agasallo notable un par de minutos antes do regreso de Brizuela. De feito, aguantar ata a súa volta foi o máis complicado. A partir de aí, a superioridade vasca na melé esfumouse, ó que tamén axudou Andoni Reyes con minutos de solvencia. Tapou a vía de auga aberta e regresou o mando local dende a defensa. Os berros de "bloque, bloque" escoitábanse de novo para evitar os ataques vascos e, unha vez recuperada a posesión, Gabardos dirixiu con acerto para pechar o partido cun ensaio de Tatafu. 
A ledicia resultou absoluta para o equipo local, que dá un paso enorme cara a permanencia e Cabrera recoñeceu que esa defensa a levan traballando catro meses. Os seus plans saíron onte, por fin.

Kaleido Universidade de Vigo: 
Agustín Francisco (Reyes, min. 63), Tito Prieto, Emilio Brizuela, Facu Muñoz, Carlos López (Paradela, min. 63), Dubois (Franco, min. 79), Lordani, Tatafu; Gabardos, Facundo Fernández; Santi Gutiérrez (Uru, min. 71), Mauro González, Sergio Calvo, Nacho Villegas, Carlos Davila. 
Babyauto Zarautz: 
Albert Onelei (Casado, min. 77), Orive, Ugaitz Agirre, Zendoia (Larrea, min. 49), Eceiza; Mikel Larrañaga, Arruti, José Larrañaga; Elustondo (Carlos Estrada, min. 52), Chaudiere; Sorreluz, Jack Griffiths, Sedrán, Josu Valenciano (La Calle, min. 77), Unai Elustondo. 
Anotaciones:
3-0, min. 9: golpe de Gabardos; 8-0, min. 13: ensaio de Facundo Muñoz; 11-0, min. 24: golpe de Carlos Davila; 11-3, min. 39: golpe de Sorreluz; 11-6, min. 46: golpe de Sorreluz; 11-13, min. 51: ensaio de castigo; 16-13, min. 62: ensaio de Facundo Fernández; 21-13, min. 80: ensaio de Tatafu. 
Árbitro:
Luis García-Mon. Amosou cartón amarelo que conleva dez minutos de expulsión ó local Brizuela (min. 50) e o visitante Onelei (min. 3). -

Te puede interesar