traiñeiras

Desilusión en once segundos

A traiñeira de Ares encara unha ceavoga na regata de onte disputada nas augas próximas a Bermeo.
photo_camera A traiñeira de Ares encara unha ceavoga na regata de onte disputada nas augas próximas a Bermeo.
Tirán Pereira remata última e hoxe necesita a vitoria en Portugalete para ter opcións de ascenso (12:00, TVG2)
Once segundos entre a esperanza e a desilusión, entre a gloria e a tristura, entre o sorriso e o rostro serio. É o que separou onte en Bermeo a Ares, gañadora da primeira regata do 'play-off' de ascenso á Liga ACT de Tirán Pereira, quinta e última. Unha praza que deixa a posibilidade de subir para o barco moañés pendente dunha milagre hoxe en Portugalete, precisamente nunha regata –contrarreloxo e en ría– onde dar sorpresas é máis compliado. Para ascender debe gañar e esperar unha carambola matemática e de tempos. 
Salvo esas remotas opcións, a "Mar do Con" perdeu onte a posibilidade de recuperar a categoría perdida hai un ano. Cos datos na man, tanto o barco do Morrazo como Ares fixeron un papel semellante a toda a tempada na Liga Galega: foi mellor a traiñeira coruñesa por uns dez segundos sobre a de Moaña. O máis repetido en xullo e agosto. O problema para Benji Vázquez e os seus remeiros foi que nese intervalo de tempo metéronse o resto de traiñeiras que tiñan dereito a participar na proba: Zarautz, Deusto e San Pedro, por esa orde. Moita máis igualdade da que se podía esperar ó inicio da regata. Un ano de moita loita polas dúas primeiras posición que permiten estar a vindeira tempada na máxima categoría do remo en traiñeiras. 
Para desgusto da "Mar do Con", a tarde en Bermeo chegou con máis calor do previsto, menos vento e, sobre todo, menos onda da habitual. Unha circunstancia que favorecía ós barcos de maior potencia e, precisamente, non parecía o ideal para os moañeses. Máis alá do contexto, a regata foi pechada, de moita igualdade, imposible de prognosticar o resultado final na primeira baliza ou no ecuador da proba porque nese punto as traiñeiras aínda estaban separadas por seis segundos. Ares sempre se mantivo por diante dos seus rivais, por pouco sobre Zarautz –que na primeira ceavoga perdeu tres ou catro segundos– e Deusto. Tivo máis renda sobre San Pedro e Tirán, que preto do resto, estiveron todas as balizas por detrás. 
Ó último longo chegaron separadas por seis segundos, unha marxe que deixaba calquera clasificación final aberta. Os remeiros de Ares foron os que mellor remataron a proba e, como premio, tiveron unha primeira posición que os pon con pé e medio na ACT a vindeira tempada. Por detrás, Zarautz acelerou para confirmar a segunda posición e cederon Deusto e San Pedro. Non obstante, tampouco Tirán mellorou eses cinco segundos que precisaba para superar a Deusto ou o único segundo que cedeu sobre o barco de Pasaia. Un terceiro ou un cuarto posto permitirialle ter opcións hoxe en Portugalete, pero a última praza é unha condena. Necesita unha vitoria e moita sorte na combinación de posicións e tempos. 
Na categoría feminina, que non ten botes galegos tras a renuncia de Mecos Coruxo, Hondarribia gañou con claridade a Hibaika e Zumaia. Salvo unha debacle hoxe, continuará na Liga Euskotren.n

Te puede interesar
Más en Deporte local