copa ehf

Con vida e sen ritmo en Viena

Sarah Valero, que foi especialmente importante en defensa onte, lanza a portería nun enfrontamento anterior.
photo_camera Sarah Valero, que foi especialmente importante en defensa onte, lanza a portería nun enfrontamento anterior.

O Mecalia Guardés perdeu por dous goles ante o Hypo e buscará a remontada o domingo (19:00) na Sangriña 

Viena é unha cidade de música. Do concerto de Aninovo, la filharmónica ou o lugar onde de-senvolveron a meirande parte da súa carreira Mozart ou Schubert. Eran compositores de música clásica, pero que tamén tiñan o seu ritmo. O que onte apenas apareceu no encontro entre o Mecalia Atlético Guardés e o Hypo na capital de Austria. Tentouno a formación de José Ignacio Prades antes do intermedio, pero careceu de acerto e tras o descanso o partido converteuse nunha loita de defensas, cos ataques claramente superados. Bateron unha e outra vez contra o muro defensivo do opoñente para deixar unha eliminatoria aberta, en dous goles, que se decidirá o vindeiro domingo na Sangriña (19:00) cun pavillón cheo e coa música de fondo a cargo da peña 'O Inferno', que debe impulsar á formación de José Ignacio Prades.
Na cita de onte, o primeiro capítulo da eliminatoria, o técnico optou polo equipo clásico do inicio da liga, con Doiro na dirección, Campos e Paulina Buforn nos laterais e Sempere para o posto de pivote no ataque. Na defensa optou polo 6.0, con Carla Gómez e Sarah Valero no centro. Especialmente acertada amosouse a segunda ó longo de todo o enfrontamento. Dura, ben situada e contundente, un reforzo notable para o Guardés por idade  –20 anos– e por rendemento. 
Os primeiros minutos foron un intercambio de goles entre dous equipos tan diferenciados nos seus puntos fortes como igualados no cómputo xeral. A formación do Baixo Miño optaba pola circulación rápida e os cruces ante un opoñente máis directo e con máis peso. O primeiro conxunto en dispoñer de dous goles de renda foi o Guardés tras unha finalización polo extremo de Lorena Pérez (6-8).
Nese momento, o adestrador local xa movera todo o seu equipo e incluso sacou á terceira pivote distinta para tentar poñer problemas ás do Baixo Miño. Non obstante, o que trocou o partido foi a combinación de dous aspectos. O primeiro a entrada do campo da porteira local Hajgato, que comezou a sacar balóns, especialmente en lanzamentos de seis metros; e o segundo, as rotacións na primeira liña da formación do Baixo Miño. Desapareceu Campos, acertada nos primeiros dez minutos, e tamén Doiro. Entraron Espiñeira e Méndez. A central non amosou moita inspiración, pero a lateral tivo cinco minutos negros cunha falta en ataque, un lanzamento atallado e unha blocaxe do Hypo. Tivo que regresar Carmen Campos ó campo. 
Entre as intervencións da gardameta e os erros propios, o 6-8 pasou a ser un 11-8, que prendeu todas as alarmas en Prades. O partido estaba nun momento que se podía rachar pero Lorena Pérez volveu marcar. Tamén o fixeron Campos e Espiñeira. Ó descanso, o Guardés estaba no encontro e na eliminatoria (13-11). 
Quedaba por xogarse toda unha segunda metade no pavillón BSFZ Sudstadt e o que se viviu foi un xogo clásico dunha eliminatoria de ida. O equipo local, que tiña certo medo da velocidade do Guardés, optou por fundamentar o seu xogo no aspecto no que se sentía superior, os quilos e a defensa 6.0 xusto diante da liña. Pola súa banda, o equipo de Prades optou por saír dende o banco con Espiñeira e Doiro na primeira liña para buscar dar máis velocidade ó ataque e mover á defensa local. A cuestión é que a viguesa careceu de lectura do xogo ou do momento de forma adecuado. O Hypo estaba cómodo atrás, pero na parcela ofensiva andaba tan atrancado como a formación do Baixo Miño. 
Deste xeito sucedéronse as imprecisións, os pases á banda, as perdas e os momentos de pasivo. As locais tentaron rachar o encontro con varias rendas de tres goles, pero non o acadaron. Espiñeira saíu do campo e volveu Campos para exercer Doiro de central. Durante cinco minutos, o ataque do Guardés tomou certo ritmo con dúas circulacións ata o extremo para evitar perder a cara ó partido. A xeira foi cortada por unha exclusión e, despois, por dous sete metros de libro non sinalados. 
A pesar de todo, o Guardés está na eliminatoria e conta con opcións de asinar a súa mellor actuación en Europa. Para acadalo debe trocar o ritmo de música clásica por unha especie de rock and roll galego con Doiro xogando a un par de velocidades máis. Sabe, pode e debe facelo.

Hypo Neiderosterreich (13+9): 
Sanko (p), Mirela Dedid (3), Wess (3), Bauer, Vijunaite (2), Krautwaschl, Hajgato (p.s.), Kaiser (1), Krasniqui, Berlini (4), Neidhart (2), Vernes, Magurean (1), Barany (1), Elo (5), Hirsch (p.s.)
Mecalia Atl. Guardés (11+9): 
Carrera (p), Sempere (2), Naiara Egozkue (2), Doiro (1), Méndez , Campos (4), Lorena Pérez (2), Sara Bravo (3), Kurchankova, Carrera, Buforn (2), Espiñeira (1), Urban (2), Valero (1), Gómez, Miriem Ezbida (p.s.).
Parciais: 
2-2, 4-5, 5-6, 7-8, 11-9, 13-11 (desc.), 15-12, 16-14, 19-17, 20-18, 21-19, 22-20 (final).
Árbitros: 
Tetyana Rakytina e Iryna Tkachuk (Ucrania). Excluiron a Kaiser, Neidhart, Barany, Elö; Bravo, Valero (2) e Gómez. 
Incidencias: 
BSFZ Südstadt. 500 espectadores.

Te puede interesar