Ciclocross

Un ciclocross familiar

Vania, Alba e Brais Gregores realizan esta tempada de ciclocross, na que teñen que compaxinar horarios e compartir diferente material.
photo_camera Vania, Alba e Brais Gregores realizan esta tempada de ciclocross, na que teñen que compaxinar horarios e compartir diferente material.
Coa chegada de Brais á categoría cadete, a familia ponteareá Gregores xa ten cada fin de semana ó trío de irmáns en competición, co menor da saga e as súas irmáns Vania e Alba

Bicicletas cheas de barro, rodas, tubulares, cambios, desviadores. É a vida da familia Gregores e aínda un pouco máis este outono coa chegada do menor da saga, Brais (14 anos), á categoría cadete. Incorporouse á competición oficial para acompañar a Vania (18) e Alba (15). Completan o trío de irmáns nas competicións de ciclocross, tanto nas de Galicia como na Copa de España. Manuel Gregores, o pai, tamén é o presidente do club de todos, o Lynalfa Ponteareas. Un cuarteto que chega ó quinteto porque Carmen López, a nai da familia, “tamén comezou a andar tras a pandemia. E algúns fins de semana imos a pasear todos xuntos”, explica a maior do trío de irmáns, Vania. 

“De rapaz, fun ciclista e estiven nas filas do Expert e do Augas de Mondariz. Deste xeito, as dúas fillas e o fillo fixeron outros deportes, pero finalmente acabaron no ciclismo. Unha vez que estás na escola, nas actividades extraescolares, vas a algún deporte. Facían natación, pero primeiro entrou o fillo con seis anos no Ponteareas. Despois, unha irmá estaba en natación e outra en patinaxe. Tiñamos que repartirnos e, ó final, remataron todas no club cando Veiga era o director deportivo da entidade. Probaron co ciclismo e foron deixando outros para rematar na bicicleta”, explica Manuel Gregores sobre o proceso vivido.

No seu caso, co engadido de ser presidente do club. “En 2016 estaba o club nunha mala situación e entramos un grupo de pais”, relata. Foi trocando de cargo ata rematar como presidente, ó que se engade ter ós tres fillos no club que dirixe. Coñece todos os problemas, admite que “leva moito tempo”, pero tamén recoñece que ten unha parte boa: “Teño a satisfacción de que estou cos meus fillos. Os podo ver crecer e hai moitas familias que non teñen esa sorte, que por traballo ou outras circunstancias, non poden estar cos pequenos”, indica Manuel, que traballa en quendas de mañá e “a tarde é para o club e a familia”. 

O pequeno da saga, Brais, foi o primeiro en chegar ó ciclismo. Un ano despois, subiuse á bicicleta Alba e Vania, a maior dos tres, chegou de última. “Ía a natación e patinaxe e tardei máis”, resume a de máis idade. Agora é unha namorada máis e, sobre todo, do ciclocross: “É o que máis me gusta. Agora estou moi ilusionada porque hai carreira todas as semanas”. A isto engade que, con 18 anos, xa está como unha das monitoras da entidade e onte mesmo estivo nesta faceta. “Xa paso toda a tarde no aquí”, resume a deportista e adestradora. 

Pola súa parte, Manuel Gregores, como pai e presidente, ten que facer tarefas de auxiliar e mecánico. “Este é un deporte no que o material é caro e as horas de taller tamén. E máis no ciclocross, que co barro e os saltos esixen moito á mecánica. Vas argallando cousas con tubulares, rodamentos, cambios e aprendes”, explica o patriarca da zaga. 

Con tres fillos, as bicicletas non chegan, pese a que “teño dez de diferentes modalidades. Cando se pode, renovamos algunha, pero as van herdando entre eles. Agora, Brais está adestrando cunha miña, que é un pouco grande", explica Manuel Gregores. Despois, en competición, ten que usar a de Vania e “como imos en quendas diferentes, non hai problema. O difícil é cando temos que cambiar porque hai moito lameiro e xa non temos máis. Hai que cambiar pouco ou pedir prestada algunha a outros do club”, explica Vania. 

Manuel Gregores resta importancia a este feito e engade que “son valores que teñen que aprender. Compartir o material que hai e ser solidarios, é parte do deporte”. Así é o día a día da familia Gregores, moi pegada á bicicleta.

Te puede interesar