campionato galego bateis

Catro medallas da Ría de Vigo nas augas de Meira

Samertolameu, pola rúa exterior,                                                   acadou a vitoria na categoría xuvenil masculina do Campionato Galego de bateis.
photo_camera Samertolameu, pola rúa exterior, acadou a vitoria na categoría xuvenil masculina do Campionato Galego de bateis.

O club organizador Samertolameu acadou dous títulos por un de Tirán Pereira e Chapela, nunha xornada marcada polo mar en calma e a velocidade das regatas

Xornada fermosa de remo no peirao de Meira, en Moaña. O sol apareceu nas Rías Baixas e onte pola mañá, ademais, con ausencia de vento, polo que os remeiros tiveron a oportunidade de amosar todo o seu potencial físico ante o numeroso público presente. O día foi especialmente redondo porque o anfitrión, Samertolameu, viviu unha xornada boa con dous títulos e tres medallas, unha circunstancia que sempre reforza un evento pola ledicia dos seareiros locais.


Non obstante, o palmarés foi especialmente repartido e, no referente ós bateis da Ría de Vigo, vivíronse ata catro títulos autonómicos das dez categorías en disputa e o total de podios elevouse a oito. A entidade de Meira acadou dous triunfos, en alevín feminino e en xuvenil masculino. 


Na idade máis pequena das cativas superou a Vila de Cangas por pouco máis de dous segundos e a Bueu. Un caixón enteiro do Morrazo. Nos rapaces xuvenís, a regata tamén resultou axustada co barco moañés por diante de Vilaxoán e Cabo da Cruz. Cruzaron a liña de chegada separados por menos de cinco segundos. 
Pola súa banda, o tamén moañés Tirán Pereira acadou unha vitoria parcial. No seu caso, o triunfo chegou nun campo de regatas que está a menos de dez minutos do seu club por mar e, en función do tráfico, algo máis por estrada. O batel xuvenil do club do Con foi o que acadou a vitoria tras unha fermosa regata man a man con Vilaxoán. Durante os primeiros dous regos da proba, as tripulacións marcharon igualadas ata que na terceira ceavoga, as moañesas adquiriron dous segundos de renda. Sería toda unha colleita porque cruzaron a liña de chegada con 1.32 segundos de adianto sobre o barco de Vilagarcía. Completou o podio Cabo da Cruz. 
O cuarto título para os clubs da Ría de Vigo marchou para a ribeira sur porque subiron ó alto do podio as rapazas cadetes de Chapela. A entidade de Redondela, que sempre destaca nas categorías inferiores, agarrou o trapo cunha vitoria clara sobre Rianxo e A Cabana, de Ferrol. Tras un primeiro longo de igualdade, as 'beretes' racharon a proba mediada a regata e mantiveron un ritmo constante ata cruzar a liña de balizas con algo máis de catro segundos de renda. 
Unha vitoria que completouse coa terceira posición na mesma idade cadete, pero en cativos para o club de Redondela. Neste caso, os rapaces obtiveron a terceira posición nunha proba regular na que sempre estiveron nese posto. Por diante, Ares remontou ante Muros, que foi segundo con Chapela, na terceira praza. 
Ademais das dúas vitorias, Samertolameu completou a súa colleita na categoría raíña de mulleres, a sénior, cunha terceira praza cun certo mal sabor porque quedaron a 24 centésimas de Mecos. Gañou a proba e o Campionato Galego a Náutico de Riveira. 
En homes deuse unha das sorpresas da xornada, máis que polo vivido esta tempada, polos resultados históricos dos últimos años. Bueu gañou o título por diante de Ares e A Cabana. Tirán Pereira, unha entidade habitual neste podio, foi cuarta con Vilaxoán na quinta posición. As diferenzas foron escasas porque os barcos cruzaron a liña de chegada en sete segundos, co engadido de que os remeiros do Con afundíronse no último rego porque marcharon toda a proba na segunda posición. 
En todo caso, o resultado parece un cambio de ciclo ó non estar o mencionado Tirán Pereira, Samertolameu de Meira e Cabo da Cruz no podio. Tres entidades de moito potencial na categoría sénior de homes. De todos os xeitos, o resultado é unha notable inxección de moral para un club como Bueu, que nos últimos anos parece regresar ó seu mellor nivel e agora buscará acadar o Campionato de España nas augas de Vigo.

Virxe da Guía, segundo
O club vigués de Virxe da Guía estivo a un paso de acadar a vitoria na categoría alevín masculina porque quedou a 26 centésimas do barco de Rianxo, gañador da proba. Un resultado duro para os cativos da entidade olívica, probablemente unha das máis humildes de todas as que acudiron ó Campionato Galego onte. Muros completou o podio, pero lonxe do dúo de embarcacións gañadoras. 

Cinco barcos na Etea
A cita autonómica serviu onte de proba clasificatoria para o Campionato de España, que se celebra o sábado e o domingo nas augas da zona da Etea en Vigo baixo a organización de Virxe da Guía. Precisamente, ó non existir a categoría alevín no panorama estatal, a entidade organizadora non terá participación nunha cita na que entraron os tres primeiros das categorías dende infantil ata sénior na proba de onte. Deste xeito, Chapela nas dúas categorías de cadetes, Tirán, en xuvenil feminino; e Samertolameu, en sénior de mulleres e en xuvenís de homes, buscarán meterse o sábado na final e o domingo entre as posicións de podio nun evento no que terán os bateis do País Vasco e Cantabria como principais rivais. Non obstante, esta listaxe non está pechada porque depende de que os bateis con dereito a participar no evento certifiquen coa inscrición definitiva a súa presenza nas augas de Vigo.
O que si é seguro é un bo espectáculo deportivo como o vivido onte en augas de Meira porque o campo de regatas vigués está encaixado entre dous peiraos o que permite seguir a proba preto das embarcacións dende diferentes zonas do campo de regatas.n

Te puede interesar