copa do rei

Outro capítulo no libro de historia

O plantel ó completo do Pontellas viaxa hoxe a Tolosa para afrontar mañá un novo reto na historia do clube na rolda previa da Copa do Rei.
photo_camera O plantel ó completo do Pontellas viaxa hoxe a Tolosa para afrontar mañá un novo reto na historia do clube na rolda previa da Copa do Rei.
"É moi emocionante", afirma Diego Blanco, capitán dun Pontellas que hoxe viaxa a Tolosa para xogar mañá a previa da Copa 
En Pontellas viven 1.300 persoas. Pertence ó concello do Porriño, ten quince entidades de poboación, unha igrexa parroquial e un campo de fútbol no que xoga o seu clube. Anodino. O mesmo conto que en tantas e tantas parroquias ó longo e ancho de Galicia. O diferente neste caso é que o equipo do lugar milita por primeira vez na súa historia nunha categoría estatal -a Terceira División- e mañá vai disputar un partido de Copa do Rei. Será en Tolosa (Guipuscoa), a partires das 19:00, na rolda previa da competición. Unha historia que se escribe a toda velocidade nos últimos meses.
Na redacción de gran parte desas liñas participou Diego Blanco. O capitán do Pontellas é toda unha institución no club, no que leva nove anos. Título de Preferente, ascenso e debut en Terceira e, agora, a Copa do Rei. "É moi emocionante", afirma. "Pasar de estar en Primeira Autonómica a vivir isto é moi ilusionante", engade.
O equipo parte hoxe ás 10:00 cara a Tolosa. Na expedición viaxa todo o plantel -"houbo que pedir os días no choio", comenta Diego-, corpo técnico e directiva. O mesmo mércores, ás 7:00 sae outro autocar cheo de seareiros, ademais dos que viaxan nos seus vehículos particulares. No clube estiman que o equipo azulgrana estará arroupado por un cento de afeccionados na grada de Berazubi. "A xente ten moitas gañas e agradecemos que veñan tantos nun partido entre semana. Estes días están a transmitirnos a súa ilusión e aló van ser de moita axuda", destaca o capitán.
Se o Pontellas supera esta eliminatoria a partido único, na seguinte rolda xogará contra un equipo de Primeira División. Non poderá ser en San Campio, nin sequera no concello do Porriño. Habería que buscar alternativas, como por exemplo Barreiro. Pero agora mesmo, iso non importa. Da igual onde sexa, competir contra un equipo da máxima categoría é "un soño" para Diego e os seus compañeiros. "É inevitable non falalo. Si que o imaxinas, por iso temos tanta ilusión por pasar e xogar contra un Primeira para que sexa realidade", explica Blanco.
Esa imaxinación voa na procura dese soño. Pero a realidade non lle vai quitar nunca a Diego que é o capitán do ascenso e do debut do Pontellas en Terceira. "É un orgullo portal o brazal deste equipo", conclúe. Mañá, tócalle levalo de novo e de novo escribir a historia do Pontellas.n

Te puede interesar