balonmano

O Cangas di que sería "inxusto e irregular" unha alteración do resultado ante o Guadalajara 

O Cangas deu a súa versión da polémica do partido do pasado domingo ante o Guadalajara, no que acadou un triunfo pola mínima (24-23) grazas a un gol que a mesa subiu dúas veces ó marcador. Nunha rolda de prensa no pavillón do Gatañal, Manuel Camiña, presidente, e Alberto González, avogado da entidade, reclamaron que o resultado se manteña inalterado. "O contrario sería inxusto", explicou González.


O Friforíficos del Morrazo da así resposta á reclamación do club alcarreño, que vai solicitar que se lle desconte un tanto ó equipo morracense e que o resultado final sexa un empate a 23, algo "irregular" xa que unha vez que "as dúas partes firman a acta, o resultado é inamovible". "No balonmán atácase en función do resultado. Sería irreal", comentou o avogado, que agarda que o Comité de Competición resolva a favor do Cangas e o resultado se manteña intacto, inda que advirte que a cousa "irá para longo". González insistiu en que non se poden rearbitrar os partidos e aludiu a  exemplos de goles en situación irregular noutros encontros. "Poderiamos estar rearbitrando cada semana", espetou.
Pola súa banda, o presidente Camiña lembrou que na tempada 95/96 prodúciuse un feito idéntico, cos mesmos protagonistas, so que daquela foi favorable ó Guadalajara. "Non pasou nada e nós tivemos que xogar a promoción para non descender", lembrou.

Te puede interesar