permanencia en segunda b

A cabeza de Apeh combate o medo

Enmanuel 'Manolito' Apeh celebra o tanto da vitoria no partido de ida da promoción de permanencia entre o                                                 Celta B e o Alcoyano.
photo_camera Enmanuel 'Manolito' Apeh celebra o tanto da vitoria no partido de ida da promoción de permanencia entre o Celta B e o Alcoyano.

O dianteiro do Celta B anotou o único gol do partido de ida da promoción de permanencia ante o Alcoyano e o                               equipo vigués defenderá a renda o domingo

O medo pode estar fundamentado ou ser unha cuestión psicolóxica. Máis ou menos razoado, ten consecuencias como a perda de confianza, a falta da autoestima, a parálise ou a entrada en pánico. En definitiva, transforma a quen o padece e baixa as súas capacidades. Neste momento, o Celta B é un equipo metido nun pozo sen fondo, con máis temor que un gato sostido por unha pata enriba dunha piscina. O medo a rematar en Terceira é real e onte ante o Alcoyano o equipo de Rubén Albés amosou todo o temor que podería esperarse e algún máis. Especialmente na primeira metade, foi unha formación sen a súa habitual capacidade para atacar e combinar. Cada erro semellaba unha montaña.
O equipo de Alcoi, que saíu a empatar, foi consciente desta situación e tratou de perder todo o tempo posible durante o encontro para evitar o alto ritmo dos célticos. Faltas, algunha queixa, moito conto e varias entradas dos servizos médicos por problemas físicos inexistentes. A isto tamén engadiu argumentos defensivos porque formou unha defensa de catro xogadores, que realmente pasaba a cinco co extremo Herlín Hernán metido a carrileiro. Contención, deixar pasar o tempo e, se aparecía o erro, tentar crear perigo por medio de Rubén López, o dianteiro centro, ou o extremo Vicente Pérez, que apenas entrou en xogo. 
Por parte do Celta, antes do descanso, o partido foi unha acumulación de erros e perdas de balón que soamente se rachou no ecuador da primeira metade, cando en cinco minutos de velocidade encadenou tres chegadas pola banda dereita co xuvenil Sergio Carreira como protagonista e dúas pola dereita con Pastrana. Todas elas finalizaron sen maior perigo debido a erros no centro ou anticipacións defensivas. Manu Apeh, presente no área, carece da lectura axeita para atopar o balón ou os seus compañeiros non o atopan. A cuestión é que chegouse ó descanso sen goles e case sen fútbol nun treito final da primeira metade horrible. 
O descanso era algo necesario para o arbitraxe, para o público e, especialmente, resultou chave para o Celta B. O equipo local saíu con outra marcha tras reflexionar uns minutos nos vestiarios e, sobre todo, coa mente máis posta en crear fútbol que en loitar co árbitro e o rival. O seu ataque, sen grandes alardes, comezou a pisar o área visitante. Pastrana enviou un remate claro ó lateral da rede e os intentos xa foron continuos. Pola súa banda, o Alcoyano tamén tivo algúns intentos por medio do dianteiro Rubén López. 
Non obstante, o mellor remedio contra os temores foi o gol céltico. Un saque de curruncho ó primeiro pau que rozou Manu Farrando e o balón botou para ir cara o segundo e alí, por fin, Manolito Apeh atopou o remate. O marcador xa marcaba o minuto 63, pero apareceu a tempo para enviar coa cabeza o esférico ó fondo da rede. Un remate e un gol foi a estatística que asinou onte o africano. O futbolista celebrou o tanto con rabia, con tanta que, por uns momentos, desapareceu a súa habitual figura despreocupada e case apática. Un signo que reflectiu a importancia do partido.
Despois do tanto chegaron algunhas opcións máis. A gran maioría do filial céltico, pero é certo que o Alcoyano, agora con defensa de catro e máis longo, con futbolistas xa claramente ó ataque, tivo o tanto nun disparo dende a frontal de Rubén López, que sacou a unha man Iván Villar. Todo o mundo observou o toque do porteiro menos o árbitro, que decretou saque de porta. Un pouco máis tarde, xa no desconto, os que tamén careceron de vista foron os célticos Bermejo e Pastrana. Nun rápido contragolpe presentouse Bermejo no área e disparou cando Apeh estaba soíño no área. O rexeite foi para Pastrana, que resolveu el mentres o dianteiro centro desesperaba ó non chegarlle o balón.n

Te puede interesar