vuelta a españa

Na burbulla ciclista

José Luis Boente e José Teixeira inician hoxe a Vuelta a España no Trek e no NTT
photo_camera José Luis Boente e José Teixeira inician hoxe a Vuelta a España no Trek e no NTT
José Teixeira e José Luis Boente inician hoxe unha Vuelta a España marcada pola Covid
No medio do pelotón, nesa illa especial que é o deporte profesional e na que no ciclismo a burbulla convértese en itinerante. Primeiro foi o Tour de Francia, agora está en pleno proceso o Giro de Italia e hoxe, en Pamplona, comeza a Vuelta a España sen ciclistas galegos pero con representación por medios dos auxiliares. O ponteareán José Luis Boente exerce de osteópata do Trek e o vigués José Teixeira, de masaxista no NTT. 
"Estamos con moito respecto porque a situación do país é mala. Na primeira onda da pandemia, eu non coñecía a ninguén co virus e, agora, si que xa coñezo a bastante xente. Ó final, sabes que sobre ti planea un posible contaxio", explica José Luis Boente unha horas antes de comezar a carreira. Ó igual que o resto de auxiliares, tamén corredores e membros da organización, as precaucións son extremas. "O máximo é de tres equipos por hotel e con comedores separados. Non podemos saír e, a ser posible, ter ningún contacto con xente de fóra. No Trek ata temos unha persoa que nos fai a compra, pero está hospedada nun hotel diferente ó noso. Encargamos as cousas e deixa todo ó lado dos camións e marcha", explica o de Ponteareas sobre a situación que viven na actual Volta a España. 
Tanto Boente como Teixeira tiveron que pasar un test antes de viaxar para a concentración do equipo e, ó chegar, facer outro. "Cando coñeces o negativo, empezas a traballar. Non podemos ter contacto con ninguén. Soamente cos do teu equipo. Normalmente, tiñas certo trato con xente de fóra e con seguidores nas zonas de autobuses, pero queda todo anulado. O cambio é grande con relación ó que se viña facendo antes. É estraño todo, pero é o que hai. Son circunstancias da vida. Nós somos traballadores e temos que adaptarnos a nova realidade, pero como todo o mundo no seu día a día", relata Teixeira. 
No seu caso e tamén no de Boente, tiveron a sorte de que na presente tempada non sufriron recortes de salario. "No equipo portáronse como cabaleiros", recoñece o auxiliar afincado en Vigo. O de Ponteareas matiza que "temos que tentar quitarlle algo de importancia e meter todo no día a día. O que pasa é que vemos que os contaxios van tan rápidos que existe ese 'acojone'. Nunca sabes se, por calquera despiste, tes que marcharte para casa se das positivo. Ademais, tes esa obrigación de ser responsable co equipo porque está pagando todos os meses". Todo isto engadido a que "tamén tes preocupación pola túa propia saúde e pola familia porque viaxas polo mundo. Tomas todas as precaucións posibles". 
Condicionantes para Boente e Teixeira nun ano marcado pola pandemia do coronavirus, pero no que a competición está aí. E, para moitos corredores con tensión porque buscan na Vuelta a España un contrato para o vindeiro ano. Ademais, no caso do NTT de Teixeira, coa ameaza da desaparición: "O patrocinador principal non vai a seguir, aínda que o equipo ten a licenza do World Tour por tres anos. Agora está buscando un novo, pero non é doado". 
Máis tranquilo está Boente no Trek, que continuará no pelotón, aínda que afronta a ronda española con limitacións. "Temos un equipo de rapaces, con tres de primeiro ano e a metade que non rematou ningunha gran volta. O obxectivo é gañar unha etapa, pero máis alá diso, non temos nada definido. Aínda así, hai moita ilusión porque ó estar con corredores de baixa idade, sempre dan un extra de alegría. O ambiente é moi bo", resume o de Ponteareas.n

Te puede interesar