segunda división b

Benvidos a Barreiro Park

Os xogadores amosaron a súa unión coa remontada e a ledicia compartida en cada un dos catro goles.
photo_camera Os xogadores amosaron a súa unión coa remontada e a ledicia compartida en cada un dos catro goles.

O Celta B acadou a salvación virtual cunha remontada ante o Adarve nun partido de tolemia

O fútbol ten unha chea de tópicos. Un deles di que os partidos con moitas ocasións, goles e alternativas son unha bendición para os siareiros pero unha tortura para os adestradores. O de onte en Barreiro entre o Celta B e o Adarve foi así. Como un día nun parque de atraccións. Subidas, baixadas, adrenalina e emocións fortes. Tolemia. Ós trece minutos, o filial céltico perdía 0-2. So nove despois, xa empatou o duelo. Despois, no intercambio de golpes foi o que tivo máis pegada cun Salvador excelso, que rubricou o seu doblete cunha fermosa vaselina. 45 puntos, catro victorias seguidas na casa e a salvación case no peto.
O día no parque de atraccións foi de emocións fortes dende nada máis atravesar a porta. Ritmo alto e carreiras para alí e para acolá a reo. Pastrana estreou a montaña rusa cunha volea coa dereita tras un rexeite que Parra atallou. Tocáballe elixir atracción ó Adarve e decidiuse pola noria. O equipo madrileño comezou a subir cun riguroso penalti por man de Rai, que estaba de costas ó disparo. O ex do Lugo Berodia transformou con tranquilidade. So transcorreran cinco minutos e oito despois, o ascenso culminou cun barullo no área tras un saque de banda no que Garci andivo máis listo que o resto. Villar sacou o primeiro disparo pero o rexeite meteuno na caixa o centrocampista visitante.
Mais soe pasar que todo o que sube ten que baixar. Tamén nas norias. O Celta B reaccionou de inmediato. Rai atopou un balón en tres cuartos, moito máis adiante do habitual e tivo clridade para abrir á dereita, onde Carreira apareceu subido na súa moto e cedeu atrás para Bermejo, que recurtou distancias. O turno de elevación local continuou cunha boa parada de Parra ó propio Bermejo. O meta visitante non puido acertar no seguinte bandazo da noria, cando Apeh gañou as costas á defensa, recibiu de Salvador e caiu derrubado cando quiso driblar ó porteiro. Penalti. O asistente converteuse en executor e o propio Salvador transformou a pena máxima para empatar. Tan so pasaran 22 minutos.
O subebaixa dos goles rematou, pero inda quedaba o carrusel de ocasións. Ningún dos dous tomou respiro e a primeira parte completouse cunha tolemia en forma de ocasións e ataques, contraataques e contra contraataques. Salvador, de cabeza, e Pastrana, cun gran disparo con resposta de Parra por unha banda; e Álvaro, nunha transición, e Garci, ó que Alende lle birlou o gol coa viqueira da bota, por outra. Constantes emocións fortes.
Este plan de diversións mantívose á volta dos vestiarios. Iván Villar probou a actividade de voo sen motor cunha espectacular  man a un tiro libre de Miñambres directo á escadra esquerda da portería. 
Da ala delta, o Celta B pasou ós coches de choque. E cando Apeh e Iban Salvador están finos, é difícil ter máis forza de impacto ca eles. Pegada. Nunha nova acción pola dereita, Carreira recibiu de Rai e voltou a poñer un centro cheo de veneno que, inda que Parra rozou coa punta da luva, Apeh cristalizouno en gol cunha cabezada no segundo pau. O gol desatou a visita a eses tronquiños acuáticos que se deslizan a grandes velocidades. Foi o único tramo de encontro no que un equipo domiñou con moita claridade ó outro. O filial céltico estaba lanzado. Pastrana marrou unha ocasión tras unha triangulación chea de beleza con Serrano e Bermejo. Foi o preludio do golazo de Salvador. O ecuatoguineano correu á profundidade, corpeou co defensa, perfilouse na frontal para a súa perna esquerda, e cun agarimoso toque superou cunha vaselina a saída de Parra.
O partido semellaba morto, pero un día no parque de atraccións hai que aproveitalo ata o final. O Adarve demostrou que tiña moita corda e Adighibe entrou dende o banco para xerar varios disparos. O máis perigoso bateu contra o pau. Faltoulle acerto ó cadro madrileño. Tamén ó celeste, que tivo as súas con Dani Vega e Solís. Non importaba. A cuarta victoria seguida na casa estaba no peto e, salvo catástrofe, a permanencia en Segunda División B tamén. n

Te puede interesar