Atlántico

CICLISMO

Baiona acollerá o inicio con dúas etapas da Volta a Galicia

A contrarreloxo por equipos e a segunda xornada con ascenso á Groba rematan na localidade
Baiona acolleu en 2016 o final de etapa, pero nunha xornada da Vuelta a España.
Baiona acolleu en 2016 o final de etapa, pero nunha xornada da Vuelta a España.
Baiona acollerá o inicio con dúas etapas da Volta a Galicia

A Volta a Galicia 2019 xa ten deseñado o seu percorrido e soamente falta a presentación oficial do mesmo. Non obstante, as etapas están pechadas e o Val Miñor, especialmente a localidade de Baiona, terá un notable protagonismo porque albergará a saída e a chegada da primeira e da segunda etapa.  
Deste xeito, a proba dará comezo o vindeiro 18 de setembro coa disputa dunha contrarreloxo por equipos sobre un trazado de oito quilómetros con saída e chegada no parque da Palma. Esta xornada será esencialmente chá e está deseñada para que os corredores poidan estar preto dos seguidores. Non obstante, terá menos importancia na clasificación xeral que en edicións precedentes da ronda galega porque en 2019 increméntase a montaña e tamén inclúese un final en alto.
A segunda xornada será unha etapa en liña con saída e chegada en Baiona e un trazado duro por toda a zona do Val Miñor. Haberá un ascenso ata o alto da Serra da Groba, de primeira categoría, que se realizará pola vertente da Baíña, pero no trazado tamén se incluirán outros ascensos nunha xornada na que xa haberá diferencias. Pero ó final será no centro da localidade. 
Despois destas dúas xornadas, nas que xa quedará definida a clasificación xeral da Volta a Galicia, o pelotón marchará ata a provincia da Coruña para realizar un percorrido polo seu interior entre Teixeiro e Curtis. Unha zona dura, pero sen subidas de tanta lonxitude como no día anterior polo Val Miñor.
A Volta a Galicia reserva para o domingo 22 de setembro un final en alto coa etapa de Viveiro, que comezará no centro da localidade e finalizará no alto de San Roque, un ascenso explosivo de case 3.9 quilómetros ó 9% de media e treitos do 14 e 15%. É unha subida que comeza no mesmo centro da localidade da Mariña. Chegará nunha xornada tamén dura polo norte da provincia de Lugo e, con este percorrido, a organización da Volta a Galicia, que lidera a Federación Galega de Ciclismo, acolle unha petición reiterada dos corredores e equipos galegos de ter unha etapa con final en alto na proba porque os últimos anos non existiu e a competición quedou moi condicionada pola contrarreloxo por equipos inicial e despois o posterior control que facía a formación que gañaba esta etapa.
En todo caso, o sur da provincia de Pontevedra recupera peso nunha proba importante tras ver como en 2016 o redondelán Samuel Blanco obtiña a vitoria nunha edición que tivo o seu final na localidade do Porriño. 
Baiona acollerá dúas etapas, a metade da Volta a Galicia 2019, cun percorrido que atravesará lugares icónicos para os afeccionados á bicicleta na comarca de Vigo, porque tanto o alto da Groba como o treito entre Baiona e A Guarda son dúas rutas tradicionais para os cicloturistas vigueses. Moitos deles poderán animar ós corredores, algúns compañeiros de adestramentos, que militan nos equipos elite galegos como o Rías Baixas, o Club Ciclista Vigués ou o Froiz.

Blanco buscará a súa segunda vitoria

 No tocante a participación na Volta a Galicia, a Federación Galega volverá a apostar polos equipos autonómicos con licencia elite, pero moitos deles estarán reforzados por ciclistas de nivel para poder destacar na proba ou, como mínimo, dar un nivel adecuado. 
Neste punto, o Club Ciclista Rías Baixas contará, salvo que sufra unha lesión no vindeiro mes, co gañador do 2016, Samuel Blanco que despois da súa aventura no profesionalismo, volveu este ano ó club do Val Miñor co que conquistou a proba e buscará repetir título. Será un dos principais favoritos e a súa formación xa prepara algunha incorporación para completar unha escuadra potente e que, de feito, marcha na segunda posición do ránking español soamente superado polo Caja Rural. 
Precisamente, outro equipo galego, o Supermercados Froiz, terceiro na táboa por puntos, defenderá a vitoria que obtivo o pasado ano por medio de Sergio Vega, con Martín Lestido na segunda posición. Estes dous conxuntos afrontan a cita galega como o seu principal obxectivo da tempada, a pesar de ser unha proba que está no tramo final do ano. 
No referente á participación galega, tamén estará na cita o Club Ciclista Vigués, o Alca de Redondela, o Farto, e o Aluminios Cortizo, que presentará un equipo forte. En calquera destas formacións poden incorporarse corredores procedentes do ciclocross ou da bicicleta de montaña –especialmente os chegados do Maceda– para elevar o seu nivel. 
En todo caso, a participación defitiva non se coñecerá ata as próximas semanas, así como o número de equipos de fóra de Galicia que disputarán a proba. Tamén quedar por determinar se acude a cita, como tamén é costume, algunha das potentes formacións do ciclismo portugués.n