traiñeiras

Augas calmas en Moaña

Tirán Pereira e Samertolameu manteñen os seus proxectos para a tempada 2020.
photo_camera Tirán Pereira e Samertolameu manteñen os seus proxectos para a tempada 2020.
Tirán e Samertolameu valoran a tempada de xeito positivo e renovan ós seus adestradores
A tempada e o seu balance é positivo e calmo nas augas de Moaña. A pesar de que Tirán Pereira quedou ás portas do ascenso da Liga ACT e que Samertolameu foi cuarta na Liga Galega, ambos clubs realizan un balance positivo da tempada. De feito, as entidades de Moaña xa confirmaron a continuidade dos seus adestradores. Benjamín Vázquez 'Benji' continúa como técnico da "Mar do Con" e Dani Pérez tamén segue como responsable da "Terca" de Meira. 
José Manuel Lobera, o presidente de Tirán, admite que "a tempada foi de sobresaínte. En novembro ou decembro era impensable unha campaña semellante á actual. Tivemos moitas baixas, máis das previstas despois de baixar da ACT. A idea era estar na quenda de honra, pero loitando máis pola cuarta posición que pola segunda". Unha situación que inclúe unha evolución paulatina porque "o barco foi collendo boas sensacións todo o ano e, incluso, as últimas regatas foron mellores que as primeiras, non tiveron nada que ver. Os rapaces amosaron capacidade para competir ben en todas as regatas. Doulle un dez". 
A "Mar do Con" rematou a Liga Galega na segunda posición e disputou o 'play-off' de ascenso á ACT. Foi cuarta igualada con Deusto, pero lonxe de Zarautz e Ares. En todo caso, Lobera admite que a directiva non era partidaria de acudir, pero que "falamos cos remeiros e manifestamos a nosa opinión. Entendíamos que o barco precisaba un ano máis de experiencia para formarse e ascender cunhas garantías. Para nós non era o momento. Aínda así, se os remeiros querían ir, nós íamos seguir adiante con todo. Así o decidiron os rapaces e a verdade é que quedamos contentos. Estivemos na loita". Uns resultados que permiten ó dirixente da entidade, que viviu o seu primeiro ano no cargo, predicir un futuro positivo: "Agora sabemos de cara ó vindeiro ano que temos opcións. Imos a descansar un tempo e a volver con máis forza". 
Con esta base, Tirán traballa agora en renovar ó bloque de remeiros actual ós que xa ofreceron continuar e reforzar a traiñeira con "xente da casa que marcou a outros clubs, ou que deixou de remar. En todo caso, buscamos remeiros de idade baixa porque temos un proxecto a medio prazo despois de cumprir o ciclo da ACT e non imos a buscar deportistas que están ó final da súa vida deportiva". 
Unha situación similar vive Samertolameu de Meira. O seu presidente, Lisardo Pérez, explica que "o balance é positivo, no referente a todas as categorías do remo. Na Liga Galega de traiñeiras loitamos polos catro primeiros postos sen ser o ano forte, que esperamos que será o seguinte. En categorías inferiores foi a cousa moi ben, con títulos de España e de Galicia". Precisamente, o mandatario ten moitas esperanzas na mocidade porque "o vindeiro ano chegan sete xuvenís á categoría sénior que son campións de España. O que temos que tratar é que a traiñeira entre na embarcación. É o que nos dá vida". Lisardo admite que "non podemos competir con eses clubs de 300.000 euros de orzamento que fan incorporacións na ACT. Temos que apoiarnos nos da casa". 
Por este motivo, Samertolameu continuará con Dani Pérez Fandiño como técnico. O preparador comezou a renovación da traiñeira nas últimas tempadas e a directiva espera recoller os froitos no futuro. Neste sentido, o presidente é ambicioso e espera "pasar de ser segundos ou terceiros a loitar por ser primeiros na Liga Galega. Dar un paso máis. O barco creceu ó longo do ano. Esperemos dar un salto de calidade coa xente que temos". 
Para facelo, Samertolameu tentará reforzar a traiñeira con algunha incorporación, probablemente, de remeiros con algo de experiencia porque mozos xa se atopan no club. "Mantendo á xente da casa, tentaremos reforzar o barco", resume Lisardo Pérez.
No referente ó remo feminino, Tirán Pereira, que competiu este ano na Liga Galega, continuará coa traiñeira. "Por agora, non esiximos resultados e queremos facer base", explica José Manuel Lobera.n

Te puede interesar
Más en Deporte local