Triatlón

Ata que o pé esquerdo aguantou

Gustavo Rodríguez foi ciclista profesional, despois campión de España de triatlón en media distancia e rematou cunha prata paralímpica como guía.
photo_camera Gustavo Rodríguez foi ciclista profesional, despois campión de España de triatlón en media distancia e rematou cunha prata paralímpica como guía.
Gustavo Rodríguez confirmou a retirada por lesión tras ser ciclista profesional e prata paralímpica como guía de triatlón

Chegou dunha longa viaxe a Tokio e cunha clara coxeira, pero aquilo debería ser un punto e seguido. Unha lesión a superar para “despedirme en París, cunha medalla e rodeado dos meus familiares”, explica Gustavo Rodríguez.  Ese era o plan a medio prazo pero unha lesión no tendón de Aquiles esquerdo, con dúas operacións de por medio, rematan por poñer o punto e final na traxectoria deportiva do tudense: “París xa non está no meu alcance. Sempre tentei gardar un pouco de esperanza, pero xa non é posible. Agora teño que centrarme en preparar a oposición a profesor e en recuperar ese pé para a vida diaria e para o deporte, pero a nivel de ocio. Deixo atrás o de alto nivel”. 

“Non é a maneira que quería de deixalo, pero así foi como veu. Tamén teño que pensar en positivo porque acadei moitas máis cousas das que pensaba poder ter. Dende os 13 anos que comecei, foron 30 adicados ó deporte”, explica Gustavo Rodríguez, un verdadeiro exemplo de reciclaxe deportiva porque “comecei na bicicleta de montaña e, pouco a pouco, fun á de estrada”. Chegou ó ciclismo profesional no Xacobeo, pese a que “estiven cinco anos en Portugal antes. Custoume entrar no Xacobeo porque non entrei no primeiro ano. Ata a última tempada, na que formei parte do equipo e fun á Vuelta a España. Estaba dentro, tiña contrato para a seguinte tempada e estourou todo. Pasas de estar no máis alto á cola do paro e buscando o que facer”, admite o de Tui. 

Chegou a súa primeira reconversión porque a partir de aí "coñecín a Aida Valiño (parella) e, acompañándoa a ela nos adestramentos, comecei a destacar no duatlón. A natación custoume máis, pero fun paso a paso, ata acadar eses bos resultados coa clasificación para o Mundial en 2015, o terceiro no Europeo, podios en probas Ironman e todos os Campionatos de España de media a longa distancia", relata Gustavo Rodríguez.  Foi a súa gran reconversión como deportista xa por enriba dos 30 años. “Xa chegou no tempo de desconto, co que imaxínate o dos Xogos Paralímpicos”, comeza a contar. Así, a un ano do que ía a ser a retirada no Mundial de Pontevedra, “apareceu Héctor Catalá e comentoume que quería ir a París ós Paralímpicos”. Pasou a ser guía e “ata alí chegamos. Agora o plan era París, pero o corpo dixo: ata aquí chegamos”, lamenta. 

Quedan os recordos porque “foi un momento moi especial e tamén diferente. Na época do ciclismo tamén tivemos momentos moi bos como equipo. Sobre todo, co segundo posto de Ezequiel na Vuelta a España, que foi a que corrín eu. Tamén había ese sentimento de acadar un resultado en equipo. Nos Paralímpicos foi iso, pero a maior nivel porque a complicidade que acadamos Héctor e máis eu foi moi bonita. É algo que valoras polo que ti consegues, pero tamén polo que el está a sentir”, relata Gustavo Rodríguez. E, xa na reflexión, co tempo, admite que  “o final da miña carreira deportiva vai a quedar aí, nese regreso de Tokio co agarimo de toda a xente e o vivido no territorio xaponés”. 

Gustavo Rodríguez viviu unha reconversión profunda, pasou por diferentes modalidades, coñeceu o paro tras o ciclismo profesional e agora a retirada por lesión. Sempre buscou o futuro e atopouno: “Sen pensalo moito, fun trocando de modalidade. Simplemente é non ter medo ó troco, é abrir esas portas e evitar o temor sobre o que había ó outro lado. Fun sempre así e agora toca facer o mesmo nas seguintes portas que queden por abrir”, explica. Iso si, admite que o cambio de vida é, de novo, sentir “esa frustración de que todo remata dun xeito que non quero, pero teño que coller esa distancia e valoralo. E, sobre todo, valoro as mostras de gratitude de toda a xente, que emocionan moito. É unha saída pola porta de atrás, pouco a pouco, de querer e non poder ata que pasou o tempo e non hai alternativa”. 

E toca pensar no futuro, que pasa por recuperar o pé e ese tendón de Aquiles esquerdo, polo menos, para regresar ás carreiras por ocio. E, tamén, por ser profesor e a vocación da ensinanza. Está noutra carreira de fondo, as oposicións, e na súa cabeza xa bulen as ideas e, de xeito concreto, unha relacionada co triatlón. “Quero estar en contacto cos rapaces e, despois, tamén tratarei de seguir con eles fomentando o triatlón aquí en Tui. Non hai escolas e creo que é un entorno incrible para facelo. Empezarei por aí, a ver se hai nenos e sae. Pero sen presión, facelo con calma e non a nivel profesional, a nivel de educación e pouco a pouco. E, se é posible, que nuns anos teñamos triatletas. É un soño que teño aí”, describe Gustavo Rodríguez. 

E, no ámbito familiar, igual toca o momento de animar a Aida Valiño, que, de vez en cando, retoma o seu nivel competitivo en algunhas probas. “Ten tanta clase que nada que adestra, xa adquire moito nivel", admite Rodríguez. Coa lesión, tócalle estar tras o valado coas tres fillas. “Ogallá, ó final a nosa vida é o deporte”, admite.

Te puede interesar