rugby

As Lagoas, a medio encher

Mateo Dubois recolle o oval nun saque de lateral no partido ante o Eibar.
photo_camera Mateo Dubois recolle o oval nun saque de lateral no partido ante o Eibar.
O Kaleido Vigo tiña o partido no peto ós sesenta minutos e sacou un empate con fortuna

O campo de rugby está nas Lagoas. E o nome non é por casualidade. É porque ó lado, no medio desa Universidade de Vigo edificada en pleno monte, atópase unha pequena balsa de agua. Unha lagoa que, en función da época do ano e das choivas, ten maior o menor nivel. Agora, tras un outono de alta pluviosidade, está preto do límite. Chea ata os bordes e, quizais por iso, o Kaleido Vigo, o equipo da casa, foi como unha torrente de agua e xogo durante sesenta minutos para encher de puntos o recipiente da vitoria. Nesa lagoa contigua existen fugas, fendas polas que o líquido elemento baixa cando chega a certo nivel para non rebosar e anegar o campo. 
Onte, o equipo vigués tamén amosouse como un recipiente con buracos. Un conxunto que aínda ten que traballar e axustar certas cousas para evitar que o equipo contrario atope as grietas na súa parede, os particulares canais de fuga polos que entrar para vaciar a renda colleitada durante o xogo. Así sucedeu nos últimos vinte minutos, cando o Eibar, que ía 22-10 abaixo no tanteador, levantou o partido no tempo engadido e, incluso, Gaizka Arrizabalaga tivo unha patada a paus tras o ensaio de Doudou Kaling para facerse coa vitoria. Era un golpeo sinxelo, pero fallou para deixar o tanteador nun 25-25 que deixaba o resultado con certa xustiza, porque o golpe moral para os locais de perder sería de proporcións notables, tan duro como cando a lagoa veciña padece máis dun trimestre de sequía e asoman as pedras do fondo. 
O feito é que antes desta resolución de drama, con explosión de ledicia vasca final, decepción local e neutralización para ambos tras a patada errada. Antes de todo iso, os xogadores de Pablo Cabrera realizaron un dos mellores encontros dos últimos anos a nivel colectivo dos observados no campo vigués, brando pero sen fochanchas de auga. 
Durante sesenta minutos, os locais interpretaron ben o xogo, especialmente con patadas longas para atopar ocos, evitaron o contacto máis do necesario ante un equipo de moita fortaleza física e defenderon con dureza e acerto. Así chegaron os puntos de Gabardos –onte menos preciso do habitual ós paus– e Carlos Davila nos golpes de castigo e os ensaios de Sergio Calvo, tras xogada colectiva e desborde de Tatafu, e de Tito Prieto, ó aproveitar un 'maul' no segundo acto. Porque, a pesar da fortaleza visitante no contacto, os dianteiros vigueses aguantaron o corto o corpo. 
O problema foi que fraqueron neses últimos minutos, nos que botaron en falta ter un ensaio máis de renda e no que o Eibar, especialmente o medio de mele Jokin García, deixou de protestar ó árbitro e comezou a xogar. Así, Gaizka Arrizabalaga pasou un golpe no minuto 78 (25-20) e o equipo vasco atacou sen erro de punta a punta do campo co tempo cumprido ata pousar o que parecía ensaio da vitoria. Quedou en empate.

Kaleido Universidade de Vigo: 
Agustín Francisco (Reyes, min. 62), Tito Prieto (Comeselle, min. 75), Brizuela, Carlos López, Paradela, Lordani, Bruno Franco, Facu Muñoz (Dubois, min. 62); Gabardos, De Cabo; Lárez, Tatafu, Mauro González, Calvo, Carlos Davila.
Eibar Rugby: 
El Ayadi (Arrilaga, min. 41), Ander Gallero, Leonardo Gerez, Kepa Zamakola, Maggiolo, Karling (Ander Fernández, min. 17), Chajrane, Tiuete Asi; Jokin García, Coronel; Liaño, Ion Vergara (Bengoa, min. 41), Ngatoko, Jon Arrizabalaga (Müller, min. 41), Gaizka Arrizabalaga.
Anotacións: 
3-0, min. 2: golpe Gabardos; 3-3, min. 4: golpe de Gaizka Arrizabalaga; 6-3, min. 13: golpe de Carlos Davila; 11-3, min. 16: ensaio de Calvo; 14-3, min. 36: golpe de Davila; 14-10, min. 46: ensaio de Maggiolo, que pasa Gaizka Arrizabalaga; 19-10, min. 51: ensaio de Tito Prieto; 22-10, min. 61: ensaio de Gaizka Arrizabalaga; 22-17, min. 68: ensaio Jokin García, que pasa Gaizka Arrizabalaga; 25-17, min. 74: golpe de Carlos Davila; 25-20, min. 78: golpe de Gaizka Arrizabalaga; 25-25, min. 80: ensaio de Asi: . 
Árbitro: 
Fernando Raposo. Non amosou cartóns durante o partido. 

Te puede interesar