jorge castro. vigo

Ares manda ante Tirán e Meira

A tripulación de Tirán Pereira remontou onte para rematar na segunda posición na Bandeira Concello do Grove, na que Ares obtivo a vitoria.
photo_camera A tripulación de Tirán Pereira remontou onte para rematar na segunda posición na Bandeira Concello do Grove, na que Ares obtivo a vitoria.

A "Mar do Con", segunda, e "A Terca", terceira, non conseguen rachar a xeira de vitorias da tripulación de Ferrolterra

Unha regata máis e unha historia similar as anteriores. Ares acadou a cuarta vitoria da tempada noutras tantas regatas nas augas da localidade do Grove nunha proba na que as embarcacións moañesas de Tirán Pereira e Samertolameu estiveron preto do gañador, pero por detrás e restándose puntos na loita con Mecos Mondariz. 
A cita en Porto Meloxo, organizada por Amegrove, realizouse nun deses campos de regatas a cinco balizas e seis longos que obrigan a un esforzo extra ós patróns e tamén ós remeiros porque aumentan os cambios de ritmo que se realizan na entrada e na saída de cada baliza.
Neste contexto, a líder da Liga Galega A impuxo a súa forza no primeiro longo para chegar a ceavoga con dous segundos sobre os seus rivais e, a partir dese instante, controlar dende a primeira posición para incrementar a renda un puco máis en cada longo. 
Por detrás, reaccionou Tirán Pereira para igualarse a Mecos primeiro e, a continuación, poñerse ó par de Samertolameu. De feito, no ecuador da proba, as tres tripulacións marcaban o mesmo tempo a cinco segundos de Ares, que mandaba dende a primeira rúa e, co seu control, evitaba a reacción do resto de traiñeiras. 
Con media regata por vogar, o ritmo da "Mar do Con" amosouse máis efectivo e, incluso, tivo capacidade para arañar algún segundo á traiñeira gañadora. En todo caso, coa segunda posición, os remeiros de Benjamín Vázquez 'Benji' axustan a loita polo subcampionato que permite disputar o ascenso á Liga ACT. Pola súa banda, Samertolameu de Meira tamén aproveitou a xornada, a pesar de ceder no rego final ante a embarcación veciña. Os do Con marchan na terceira posición da Liga Galega A cun punto menos que Mecos Mondariz, mentres que Samertolameu é cuarta con dous menos. Unha fermosa loita polo subcampionato que promete estar pechada ata ben avanzada a tempada. Pola súa banda, Ares permanece solvente no liderado, pero sempre con esa renda nas regatas nas que un pequeno erro ou unha mellora puntual das rivais pode poñer en cuestión o seu mando. 
Antes de comezar a tempada, o curso prometía estar marcado pola igualdade e cada regata amosa esta realidade, pero sempre con Ares uns segundos por diante dos seus rivais, o que parece que será decisivo para a segunda metade da tempada na primeira división da Liga Galega.
Os catro barcos da quenda de honra están un nivel por diante dos seus rivais e Vilaxoán loita cada semana por meterse entre eles pero sempre queda a uns segundos de facelo. Onte asinou a quinta posición a catorce segundos da vitoria e a catro de Mecos Mondariz, o cuarto. 
A Liga Galega A vivirá a vindeira semana unha dobre cita, pero neste caso no mesmo campo de regatas porque a Bandeira Concello de Vilagarcía disputarase a dobre xornada.n

Te puede interesar