fútbol mundial sub-20

Aquel Mundial en África

Equipo titular da selección española sub-20 que gañou o Mundial de 1999 ó superar a Japón na final.
photo_camera Equipo titular da selección española sub-20 que gañou o Mundial de 1999 ó superar a Japón na final.

Pablo Couñago gañou coa selección española a Copa do Mundo sub-20 en Nixeria no 1999

Un torneo a máis de trinta graos de temperatura, con escasas comodidades e mosquitos do tamaño da palma da man. Un contexto que podería molestar a un aspirante a xogador profesional dunha canteira europea pero, vinte anos despois, Pablo Couñago recoñece que "a experiencia resultou boa porque foi en Nixeria. É un país que aínda hoxe non está o nivel desenvolvemento noso e imaxínate hai vinte anos. Sen internet, sen teléfono. Todo era moi caótico, pero vinte anos despois, a experiencia é máis especial". O xogador de Redondela foi un dos integrantes da selección española sub-20 que gañou o Mundial de 1999 e compartiu vestiario con Xavi Hernández, Iker Casillas, que era suplente de Aranzubía, ou un Pablo Coira que era titular. 
O título levantouno o combinado de España hai xusto vinte anos, o sábado 24 de abril de 1999 tras gañar a Xapón a final (0-4). "Nós, que éramos rapaces de vinte anos, observamos cousas que ó estar en España non podías percibir. O fixo máis especial. Se fose un torneo no que en cuartos marchas para casa, case non o recordas, pero ó gañar a Brasil con Ronaldinho e Edu na fase de grupos, e despois eliminar ó campión de África (Ghana) en cuartos, fixo especial o torneo. Despois, a semifinal e a final case foron os partidos máis doados porque nós mentalmente xa tiñamos a idea de ser campións e o crecemento do equipo era alto. Ó pasar cuartos, xa vimos que era o momento de facer algo grande. Levamos o protagonismo dos dous últimos partidos e deunos ás", rememora o dianteiro de Redondela.
Na parcela persoal, aquela vitoria foi especial para todos os futbolistas e, en especial, para un Pablo Couñago que "estaba no Numancia de Segunda División. Era o primeiro ano sénior e quedar campión, co pichichi e o terceiro mellor xogador, xa sobes a unha dimensión superior. Tes que seguir traballando e adestrando no día a día, pero tanto a min como para os compañeiros, axudounos moito. O 80% desa selección estivo na sub-21 e un número grande deses xogadores chegamos ó fútbol profesional". 
No propio torneo, o interese do país foi medrando pouco a pouco e o exfutbolista rememora que "a final foi moi seguida. Chegou a desprazarse o Príncipe, que é o Rei de España actual... Foron moitas anécdotas e un plus para toda a nosa xeración. Tamén creo que serviu como o inicio de algo grande que se trasladou á selección española absoluta".
O equipo inicial da final ante Japón estivo formado por Aranzubía, Coira, Josué, Orbáiz, Bermudo, Marchena, Gabri, Xavi Hernández, Varela, Barkero e o propio Couñago. Dende o banco entraron Gonzalo Colsa, David Aganzo e Rubén, mentres que Iker Casillas e Fran Yeste foron algúns dos que quedaron sen xogar. 
Un contexto especial e un equipo gañador no inicio da traxectoria no fútbol. Para algúns, aquel torneo quedaría en anécdota, pero para outros foi o seu maior logro na traxectoria deportiva. "A verdade é que, co tempo, xa perdín a relación coa xente. Cando coincides con algún é como se o tempo non pasase. Tivemos convivencias nas que vivimos moito tempo xuntos e, agora, igual estás cinco ou seis anos sen atoparte con algún deles. Pero cando o fas, si que o recordas". 
Pablo Couñago, tras retirarse o pasado verán no Choco despois de vinte anos de fútbol, moitos deles a un primeiro nivel en Inglaterra e España, estuda para ser adestrador e traballa cos xuvenís do club de Redondela. E, despois de dúas décadas, é obrigatorio falar de "Xavi Hernández. Xa daquela o coñecía ben porque levaba tres anos xogando con el. Era unha referencia xa nas categorías inferiores do Barcelona e na selección. Todos tiñan claro que se non chegaba el, non chegaba ninguén ó primeiro nivel. Posiblemente sexa o mellor centrocampista do fútbol español e un dos mellores a nivel mundial. Se observas os títulos, haberá poucos co seu currículo. Para todos os que xogamos ó seu lado, é un orgullo".n

Te puede interesar