Deporte local

"Andamos nunha nube"

Deporte local

copa do rei

"Andamos nunha nube"

Manolo, con camisa vermella, festexa o título de Preferente co Pontellas.
photo_cameraManolo, con camisa vermella, festexa o título de Preferente co Pontellas.
Se alguén pode falar con coñecemento da historia do Pontellas é Manolo González. Ten 65 anos,  leva 35 ligado á entidade porriñesa e, dende hai 25, exerce de delegado do primeiro equipo. Hoxe montará no autobús cara a Tolosa. Non lle quedaba outra. "Se non, os rapaces bótanse a min", bromea. 
O bo humor é unha constante en Manolo, que sabe ben que o momento actual da institución é irrepetible. "Andamos nunha nube", confirma. "Para un club coma este, subir a Terceira é moito. E agora a Copa. Isto é unha experiencia histórica", exclama o delegado, máis concentrado en gozar destes meses que nos resultados. "Se temos que baixar, baixamos. Non pasa nada. Hai equipos que nos triplican o presuposto", destaca con naturalidade o delegado.
Manolo bota entón a vista atrás e repasa tantos e tantos intres en máis de media vida que leva no club azulgrana. Por exemplo, os moitos intentos anteriores por ascender e tamén en etapas máis escuras, transitando pola Segunda Autonómica. "Non imos facer tolerías para continuar en Terceira, igual que non fixemos para ascender", explica.
Con respecto ó partido copeiro de mañá en Tolosa, Manolo alédase sobre todo "polos rapaces, que están cheos de ilusión", ó tempo que destaca que o teléfono "bota fume polas catro esquinas" de veciños que non se queren perder tan histórico partido na localidade guipuscoana. "Inda non o asimilamos", afirma González, que non oculta a súa felicidade por poder ser parte activa deste momento.
Pero chegados ata aquí, mellor non parar. Se o Pontellas supera ó Tolosa, mediráse a un equipo de Primeira. Barcelona, Real Madrid, Atlético de Madrid e Valencia non poderán ser. Están exentos pola disputa da nova Supercopa. Non importa. "Eu non pido tanto. O que de verdade me gustaría é que nos tocase o Celta e xogar en Balaídos. É unha ilusión para todos", remata Manolo. Ogallá se cumpla.n

Más en Deporte local
Comentarios