Atlántico

ATLETISMO TRAIL

A choiva espanta o lume

Monte dos Pozos acolleu onte a saída e final do Trail Montes de Vigo con 300 participantes
Os participantes na 'andaina pola rexeneración' cubren os primeiros metros do percorrido.
Os participantes na 'andaina pola rexeneración' cubren os primeiros metros do percorrido.
A choiva espanta o lume

O parque forestal de Monte dos Pozos, en Valadares, acolleu onte a saída e o final do Trial Montes de Vigo, que incluíu unha andaina 'pola rexeneración', para impulsar a recuperación ambiental dos terreos afectados pola vaga de lumes do outono de 2017. 
A choiva, que se prognosticaba forte, golpeou o trazado durante a noite, pero parou pola mañá para permitir ós participantes gozar do medio natural, pero tamén para que co chan mollado, ningún esqueza a vital importancia do líquido elemento na conservación do verde galego e do rural vigués. A Mancomunidade Montes de Vigo preparou unha xornada de actividades con extraordinaria dedicación. A parte deportiva con dúas carreiras e a máis social cunha andaina. Un total de 177 corredores remataron as probas cronometradas ós que engadir case un cento de participantes no roteiro sendeirista sen toma de tempos.

No puramente competitivo, unha carreira de 23 quilómetros con treitos técnicos e dúas zonas especialmente duras, o ascenso ó corta lumes de Coruxo e o monte Cepudo. Co piso mollado, pero sen lameiro, a vitoria foi para Dani Pazó por diante de Lucas Pouso e Alberto Iglesias. Tres mulleres remataron esta proba e, polo tanto, formaron o podio: Estrella Canabal, Nuria Romero e Estela Alonso. 
A proba curta, de 13 quilómetros e un trazado menos duro, pero con zonas de baixadas con rocha solta, resultou especialmente rápida, con vitoria para José Martín Fontán, que superou en 21 segundos a Omar Ruda. Máis lonxe, a máis de tres minutos, completou o podio Pedro Vicente Suárez. Entre as mulleres, a vitoria foi para Marta Calvo, que superou con claridade á especialista en carreiras de asfalto Ana Alonso e pechou o podio Vanesa Villar. 
Máis alá do resultado deportivo, a organización destacou por un traballo notable na confección do trazado con camiños estreitos e rebuscados, unha impecable sinalización e un limpeza profunda pasos pechados polas xestas.n