FESTA DA LITERATURA

Xela Arias, poeta das Letras Galegas 2021

Xela Arias
photo_camera Xela Arias
A Real Academia Galega escolleu á escritora viguesa como figura destacada no 17 de maio por ser a unha “voz singular               da  xeración que anovou nos anos 80 a poesía galega en temas, estilo e forma”, polo seu labor tradutora e o polo seu compromiso social

A viguesa Xela Arias (Sarria, 1962- Vigo, 2003) é a autora elixida pola Real Academia Galega (RAG) para lle adicar o Día das Letras Galegas 2021. Así o acordou onte o Pleno da institución en sesión ordinaria. Esta foi a terceira vez que era proposta, tras 2014 e 2015. Xustifican a súa escolla por ter sido unha das voces máis destacadas da poesía galega contemporánea: “É autora dunha poesía singular, transgresora, sincera e comprometida que será celebrada ao longo do 2021”, indicaron en comunicado de prensa. Amais dende a RAG fixeron tamén fincapé no seu labor como editora e tradutora que verteu milleiros de páxinas de clásicos universais ao galego. “Contribuíu ao proceso de fixación da norma do galego e iniciou nos anos 80 un labor pioneiro no mundo da tradución”.
“Por idade, Xela Arias formou parte dun grupo de poetas que tamén recibirán a homenaxe da RAG a través dela, unha mocidade que renovou a poesía a partir dos primeiros 80 en temas, estilo e forma”, indicou trala votación Ana Romaní, quen ao tempo destacou a Xela Arias entre os demais xa que, afirmou “é unha desas voces singulares e inclasificables, de tal maneira que  o seu é un nome que se pronuncia sen xeración”. 
Para os membros de Real Academia Galega, “a protagonista das Letras Galegas 2021 concibía a poesía como un xeito de indagar e cuestionar a orde das cousas, de describir o que se aprende a ocultar”. Na súa escrita, valoraron “a pescuda do eu fonda e reflexiva, a afirmación do corpo feminino, a perspectiva de xénero e a procura de novos espazos para a poesía mediante a recitación ou o diálogo coa fotografía, a música e a pintura”. Así, os académicos conclúen que anticipou nos anos 80 do século pasado moitos temas e características formais da poesía galega da década seguinte.
A elección de Xela Arias como protagonista das Letras Galegas 2021 recoñece igualmente, segundo a Real Academia Galega, a súa dimensión pública e comprometida da vida e da obra da autora: “Prestou a súa voz en mobilizacións cívicas, coma as que se produciron trala marea negra do ‘Prestige’ e tomou sempre posición a favor da lingua galega, non só como poeta”.

Deixou pegada no ámbito editorial e no mundo do ensino vigués

 Xela Arias publicou catro poemarios: “Denuncia do equilibrio” (1986), finalista do premio Losada Diéguez; “Tigres coma cabalos” (1990), onde fusiona versos e fotografía; “Darío a diario” (1996), dedicado ao seu fillo, abordou a maternidade dende unha ollada afastada do tratamento tradicional y seu derradeira libro “Intempériome” (2003)  trascendeu no mundo da literatura. 
En Vigo, amais do seu legado poético, tamén deixou pegada no ámbito editorial, traballou como parte do equipo de edicións Xerais, dende 1980 a 1996, como correctora de estilo e editora. Como tradutora verteu ao galego dende o inglés, o italiano, o portugués ou o castelán autores como Bram Stoker (“Drácula”), Roald Dahl (“As bruxas”), Angela Carter (“Venus negra”), Gianni Rodari (“Contos ó teléfono”), Carlos Oroza (“Caballum”) ou Jorge Amado (“O Gato Gaiado”) e a Andoriña Señá (“Unha Historia de Amor”); e formou parte dos equipos que trouxeron ao galego “O Quixote” de Cervantes ou “Dublineses” de James Joyce. A súa tradución de “Amor de Perdición” (1986) de Camilo Castelo Branco foi merecente do Premio de Traduçao da Língua Portuguesa; o seu “O derradeiro dos mohicanos” (1993) de James Fenimore Cooper foi recoñecido co Premio Ramón Cabanillas de Tradución; e foi galardoada postumamente co Premio de Tradución Plácido Castro (2004) por O Spleen de París de Charles Baudelaire.
A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación puxo 2018 o seu nome ao premio anual para recoñecer a profesión. Son Premio Xela Arias de tradución: María Alonso Seisdedos (2018), a facultade de Filoloxía e Tradución de UVigo (2019) e Numax, anunciado esta semana.
Nos últimos anos da súa vida, tras se licenciar en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa, Xela Arias foi docente  sendo o IES Álvaro Cunqueiro o seu derradeiro destino. Pasou polos institutos de Chapela, en Redondela, onde lembran o seu paso pola vila dándolle nome o seu nome á biblioteca municipal; o IESValadares II, en Vigo. Pero tamén impartíu clase en A Sagriña (A Guarda), Terra de Xallas (Santa Comba), Paralaia (Moaña), Valle-Inclán (Pontevedra) e Xelmírez II (Santiago de Compostela).
En 2003 foi enterrada no cementerio de Pereiró.

“A miña irmá Xela era loitadora e honesta”

 “Estamos moi nervosos, moi contentos e vivímolo sobre todo con moita emoción; soara o seu nome varios anos para lle adicar o Día das Letras Galegas e iso xa significara moito”. Lois Arias, un dos irmáns da homenaxeada non pode deixar de sorrir polo que esta distinción, a máis importante da literatura galega, supón para o recoñecemento de Xela Arias: “Ao falecer tan de súpeto tiñamos medo de que o seu traballo se perdera e quedara no esquecemento, mais a xente da Cultura tívoa presente ao longo destes anos”.
A autora Chus Nogueira, en colaboración co pai, Valentín Arias, recolleu na publicación “Xela Arias. Poesía reunida”, toda a súa obra. “Este traballo permitíu que xa haxa un libro de consulta sobre a súa producción e o Día das Letras Galegas daralle unha maior difusión, facédoa chegar ata un público máis amplo”, apunta o irmán.
Esta homenaxe supón tamén unha homenaxe aos que máis perto estiveron da poeta: “Un día como hoxe, dende a familia temos moi presentes ao seu pai, Valentín, quen lle abríu a porta ao mundo das letras e da cultura, sen el Xela non sería quen foi;  ao seu fillo, Darío, quen nos fixo máis levadeira a súa perda e á súa irmá Sabela, tamén falecida, coa quen tiña unha relación fraternal moi especial”.
Á pregunta de como era Xela, o seu irmán defínea como “loitadora e honesta”; asegura que non fuxía dos conflictos: “Estaba metida en diferentes guerras nas que entraba de cabeza; dicía que escribía como muller, miope e galega, eran características que a definían físicamente”.
Aínda que naceu en Sarria, pasou a súa mocidade en Vigo. “Xela sentíase moi urbana, vivía moi desde dentro da cidade; foron os anos da Movida, con moita actividade cultural e festivais de poesía, e tivo a sorte de traballar moi nova no eido editorial, daquela, emerxente”.
Amais de poeta, Xela Arias foi tradutora. “Quería dignificar o galego como idioma, posibilitando que tivera a máxima obra disponible en galego; ao ser ela mesma autora, achegábase con moito respeto aos escritos dos demais, facía as traduccións con coidado e tacto”.

Te puede interesar