Mª XESÚS LAMA Premio Nacional de Ensaio polo seu traballo sobre Rosalía

“Ata a transición a sociedade non estivo preparada para poder interpretar a Rosalía”

Mª Xesús Lama, na intervención de onte en Vigo.
photo_camera Mª Xesús Lama, na intervención de onte en Vigo.

 O Centro de Documentación e Recursos Feministas de Vigo convidou a María Xesús Lama ao seu faladoiro, co gallo do Día de Rosalía de Castro, o 24 de febreiro, xornada en que se conmemora o seu nacemento en 1837.

Baixo o título “Novas cartografías da liberdade”, Lama expuso as novas descubertas da investigación sobre a poeta, tal e como explicou momentos antes para os lectores de Atlántico.

Que aporta de novo á imaxe de Rosalía no seu traballo “Cantos de independencia e liberdade” que lle valeu o Premio Nacional?
Sempre insisto que esa nova imaxe de Rosalía se forxou dende os anos 80. Esta biografía ven por orde nunha serie de aproximacións que ficaron disgregadas no ámbito académico e non chegaron á divulgación xeral. Baseo o meu ensaio en traballos de reivindicación da súa imaxe fronte a tópicos moi antigos, onde a mostraban como unha muller abnegada á familia. Nun dos primeiros números de “A palabra silenciada” xa rompen con esta imaxe, amosándo a súa face feminista, política e social.
Por que perdurou tanto a visión da Rosalía chea de saudades?
Hai imaxes que teñen éxito porque respostan ás crezas e á mentalidade do Estado. Hai outras que foron pouco dixeribles pola sociedade do momento porque non se adaptaron o modelo de muller, neste caso da dictadura. Ou convertíanse en malditas, eran silenciadas ou adquirían unha imaxe que encaixase co tópico de muller burguesa, censurada de vida pública. Practicamente dende a súa morte foi a Rosalía da saudade, xa que naquela producíuse un retroceso nas liberdades políticas e sociais coa restauración borbónica. Prolóngase todo o século XX porque na República non houbo tempo de facer unha relectura da súa obra. Ata a Transición, a sociedade non estivo preparada para poder interpretar a obra de Rosalía cunha lectura libre e intelixente.
Que fitos marcaron o derroteiro profesional de Rosalía?
Na vida de Rosalía hai varios puntos importantes. O primeiro o seu matrimonio con Murguía, que a colleu moi nova e provoca unha viraxe na súa biografía, deixa de ser libre e profesional a ter que asumir cargas familiares e unha situación económica precaria. Para min, a morte da súa nai tamén foi decisiva nesta cambio de rumbo. Acontece cando ela iniciara a súa carreira literaria e deixa de ter a súa axuda no coidado da filla, pero tamén o seu apoio económico. No plano social, xa é moi comentada a revolta do 1868 e a crise ideolóxica que xerou por se ter botado abaixo a causa de ambicións persoais. Provoca un xiro difícil de explicar na súa vida, deixa de producir case unha década, onde nacen os seus fillos. Retírase á vida privada.
Como lle influíu o seu home?
Tivo influencias positivas e negativas, é difícil ponderar cal tiveron máis peso. As boas están moi estudadas, teríamos que ler correctamente os datos que temos e identificar ese lado escuro: se lle puxo dificultades nas editoriais, a seu peso á hora de que publicar. Foron dúas persoalidades moi complexas tanto no persoal como no profesional.
E ela, como condicionou a Manuel Murguía?
Creo que esa valoración ten que ser bidireccional. Rosalía aportoulle moitas cousas positivas como o apoio económico familiar, algo que Murguía sempre quixo silenciar como intelectual comprometido. Ela tiña boas relacións familiares e intelectuais, era quen coñecía a Gasset y Artime, facilitándolle a colaboración ao seu home. Ademais Murguía quedou como albacea de súa obra, que soubo por en valor. 
Defina a Rosalía en dúas palabras.
Valente e lúcida.

Te puede interesar