vigo

Reimóndez: ‘A literatura é un medio moi poderoso’

María Reimóndez asinou exemplares, onte na Feira do Libro.
photo_camera María Reimóndez asinou exemplares, onte na Feira do Libro.

A escritora, veciña da cidade, presentou na Feira do Libro “Corredora”, onde conta a historia de Genet, unha moza etíope

María Reimóndez presentou o seu último libro, onte, na caseta de Xerais, acompañada por Ramón Nicolás. Conta a historia de superación de Genet Mullugueta, unha moza etíope que atopa no atletismo unha vía de escape. “É ficción, aínda que baseado en circunstacias que acontecen na realidade, por unha banda a tradición atlética que existe en Etiopía que é a saída da pobreza para moitos, e por outra presento a vida das nenas e das mulleres coas que traballamos dende Implicadas”, apunta.
Volveu a escoller unha temática sensible á concienciación cidadá, aínda que ésta non sexa o seu primeiro obxectivo: “Este libro como os outros é literatura, forma parte do discurso público que pode crear un espazo para a reflexión na procura dunha alternativa ou seguir cos valores establecidos; eu escribo dende a óptica feminista e fago pensar para despois actuar, pero non deixan de ser historias; mais a literatura, se está ben escrita, é un medio moi poderoso porque pode chegar pola vía emocional”.
Neste caso, Reimóndez conta a traxectoria dunha moza pobre, Genet, pertencente a unha extracto social que coñece de primeira man: “É imposible dicir cal é a situación das mulleres en Etiopía, o mesmo que non se pode determinar en Galicia, depende dos recursos ou da formación de cada unha; coas que estivemos traballando en Implicadas atópanse nunha situación de pobreza e marxinación social, xa que o país está sometido a moita presión internacional e está sendo explotado económicamente por unha dictadura da que non se fala”. Neste contexto, Reimóndez destaca o esforzo que fan estas mulleres por cambiar as súas comunidades, a través do consenso.
Pero falar con Reimóndez é tamén abordar o tema de cooperación internacional. Así coa excusa da presentación de “Corredora”, explicou como Implicadas, a ONG na que milita dende a súa fundación, reiniciou o ano pasado os contactos con Etiopía para o desenvolvemento de novos proxectos: “Pasaron sete anos dende a nosa última estadía e comprobamos como nas poboacións coas que traballamos seguían mantendo o programa de forma autónoma, convertíndose en donas da intervención tanto en materia de violencia de xénero, tanto de sensibilización como de atención ás víctimas, como no ámbito dos negocios; unha situación moi diferente á do punto de partida”.
O método utilizado por Implicadas baséase nos grupos de axuda mutua, exportado da India. Consiste na autoorganización das mulleres.
Así, Reimóndez utilizou onte a Feira do Libro como plataforma cara a opinión pública: “É importante que existan estos eventos, para sacar os libros á rúa e para facernos visibles; hai que rachar ás barreiras que nos alonxan dos cidadáns, sobre todo na literatura galega; pero tamén é preciso unha reformulación, un debate que explore outros modelos posibles de feira”, apuntou.n
 

Te puede interesar