PEDRO FEIJOO Escritor vigués, presenta “Un lume azul”

“Con esta novela non plantexo outro xeito de traballar, véxoo como un paso natural”

Pedro Feijoo presentou en Librouro a “Un lume azul”.
photo_camera Pedro Feijoo presentou en Librouro a “Un lume azul”.
Como o turrón, Pedro Feijoo volve a casa por Nadal, aínda que nunca acaba de marchar, pese residir dende hai anos en Barcelona. E tamén como o turrón é agardado con impaciencia.

Esta semana presentou en Librouro a súa última novela “Un lume azul”, da que falara sen dicir nada. Trátase dunha trama dura, adictiva e que esperta os instintos máis básicos no lector. Agora, co lume xa nos andeis das librarías, deboullou a súa proposta literaria para Atlántico.
 

Despois de “Un lume azul” xa non vai poder dicir que non escribe novela negra.
Xa, teño que tragar carros e carretas. Cando o dicía sabía todo o tempo o que estaba a preparar, o que tiña entre mans. Pero é certo que ata isto non teño escrito novela negra. Agora si. Síntoo un alivio enorme. Sei que tiña un discurso un pouco caótico, pero non podía dicir nada, porque nesta historia hai que entrar sen saber nada.
 

Ademais da trama, a investigación dunha serie de asasinatos en principio sen relación, o xeito de estructurar a narración e a maneira de acceder ao lector también mudou. Marca un cambio de estilo como escritor?
Non de maneira consciente. Non me plantexo outro xeito de traballar. Vou indo, coñecendo outra xente. Hai tempo que sabía o que quería contar tanto no fondo como na forma. Fixen probas en novelas anteriores como “A memoria da choiva”, polo que o vexo como un paso natural.
 

Neste caso mais que falar dunha evolución dos personaxes, pódese falar dunha evolución na actitude do lector cara a eles.
Este tipo de cousas era o que me facía pasar malos ratos. Ese cambio no lector era a miña intención, pero no sabía como explicar ou xustificar esa viaxe emocional. O meu desafío foi xogar un pouco co lector a través das tres dimensións nas que se pode dividir a trama da novela, onde hai personaxes que pasan de súpeto de ser secundarios a ser os protagonistas.
 

No elenco de personaxes recoñécense algúns nomes e non poden evitarse certas relacións. Existe intencionalidade ou é coincidencia?
Noutras novelas xa tiven problemas cos falsos espellos. Algúns son intencionados e moi identificables como Alonso Montero no mestre Solano ou Abel Caballero en César Escudero e noutros non hai nengunha intención. En “Un lume azul” comparto un personaxe de Manuel Esteban, a maxistrada Celia Torres (nome da responsable de comunicación de Edicións Xerais), é un cariño á miña amiga, o mesmo que o bispo de Tui, João Grau, a quen lle teño moito aprezo. Logo está o apelido Durán, sempre me gustou, ten peso, ao tempo que dureza. O que fixen foi xogar a perfilar a perspectiva do poder nas familias, pero non hai nada máis. Espero que non se lle pase a ninguén pola cabeza que hai algunha insinuación.
 

Como en títulos anteriores, recorre a escearios de Vigo e da súa contorna, pero desta semella que os acontecementos poderían ter acontecido en calquer lugar.
Absolutamente. Gústame usar localizaciones coñecidas. En “Os fillos do Mar” ou “Os fillos do lume” facíao para sinalar edificios, xoias do noso patrimonio. Esta vez emprego localizacións reais, que espero non coincidan coa casa de ninguén. En “A memoria da choiva” presentaba a casa de Adriano na rúa do Vilar, 21, dicindo que nesa casa morrera a nai de Rosalía, pois escribíume o actual propietario para puntualizar algunha cousa.

Te puede interesar