INMA LÓPEZ SILVA Escritora, presentou onte “O libro da filla”

“Cos abusos na casa non podemos mirar para outro lado, temos que ter pensada a nosa reacción”

Inma López Silva presentou a súa última novela en Vigo.
photo_camera Inma López Silva presentou a súa última novela en Vigo.
Licenciada en Filoloxía, Inma López Silva (Compostela, 1978) compaxina a súa labor docente na Escola Superior de Arte Dramático, co literatura e a investigación. Afincada en Vigo, onte presentou nesta cidade a súa última novela, “O libro da filla”.

A lectura de “O libro da filla” é adictiva, pero non sempre agradable.
É un libro incómodo.
As súas protagonistas son mulleres bravas. Imprescindible polas súas circunstancias?
Son mulleres bravas pero que queren ser como todas. Helena está nese punto complicado, da crise dos cincuenta. Xa superou a época dos coidados (os fillos, os maiores), ten unha liberdade grande, pero na súa contorna elevan á mocidade. No caso de Amanda, é esa bravura utópica, un punto luminoso.
É precisa esa utopía para lidiar con temas moi espinosos?
Cando me puxen a escribir a novela tiña dúas ideas. A primeira era tratar a ética da verdade fronte a mentira, confrontar determinadas verdades. Parto dun feito que me aconteceu a min, a chamada dun preso que afirma ser inocente. E o segundo tema ten que ver cos abusos no ámbito familiar, que segue a ser un tabú social, pero que está aí. Os estudos din que nunha clase de 25 nenos, dous son víctimas de abusos na casa. En Galicia, no ámbito rural, aínda é máis grave. Nos abusos non podemos mirar para outro lado, temos que ter a reacción pensada.
Xorde de novo a desprotección dos menores nestes casos.
Como nai pódese desconectar e non ver algo. Nós somos a primeira xeración que rompemos coas nais e asumimos unha educación dos fillos que ata agora nunca foi. Helena ten unha confrontación coa maternidade, aínda que tamén se fala de paternidade. Este é o libro da filla porque todos somos fillos de alguén.
En canto ás verdades, ao final da novela non se sabe se realmente pasaron certas cousas ou non.
Está concebida para unha lectura moi activa, onde o lector decide que versión crer. Procuro non dar nada por pechado, non me gustan as narrativas en que todo está explicado. Aquí cada un decide a súa historia.
No relato sorprende ao lector con revelacións impactantes sen previo aviso.
Tentei o contrario que na anterior, onde buscaba xerar empatía cos protagonistas. Aquí nun comezo son todos bos, exitosos, pero cada un ten un lado escuro que é identificado lector a modo de sopapo. Non somos todos tan bos como parecemos.

Te puede interesar