ANXO QUINTELA Premio Nacional de Xornalismo Cultural 2019

“O contido agrario ten audiencia porque todos os galegos atopan algún vínculo co campo”

Anxo Quintela foi recoñecido pola divulgación de temas agrarios.
photo_camera Anxo Quintela foi recoñecido pola divulgación de temas agrarios.
nnn  Anxo Quintela (Vigo, 1960) foi galardonado onte co Premio Nacional de Xornalismo Cultural.

Traballador da CRTVG, foi redactor xefe da revista “Agrocultura”, estivo no consello de redacción de “Grial” e traballou en “Vieiros”, amais de ser autor de libros de poesía como “O asasino estrábico”. Onte tentaba asimilar a nova, que segundo asegurou a Atlántico, “sorprendeume moito”.

É o segundo Premio Nacional de Xornalismo que recae nun galego, despois do de Ana Romaní en 2018. Semella significativo.
É importante que nos deran este premio de xeito consecutivo a Ana Romaní e a mín, dous profesionais que desenvolveron toda a súa carreira profesional en galego. É un recoñecemento ao xornalismo de Galicia.

Outorgáronlle o premio en recoñecemento o seu labor de divulgación sobre información agraria. Como chegou un vigués a especializarse no rural?
Son do Calvario, nacín en Castrelos e miña familia era de Lavadores. Non tiña moito coñecemento do tema. Aínda que foi como retomar a tradición que iniciaron o meu bisavó e o meu avó que foron directivos da Cooperativa Agraria. Eran obreiros metalúrgicos que completaban o seu traballo cos coidados da súa horta. É certo que de neno fun recoller patacas e millo. É a simbiose viguesa entre o urbano e o rural. Profesionalmente tiven que aprender moito e fíxeno en contacto coa xente, auténticos especialistas.

Que público ten en Galicia a programación agraria?
Interesa tanto a cidade como ao rural. Tódolos galegos atopan algún vínculo co campo non máis alá de dúas xeracións para atrás e gusta manter o contacto coas orixes labregas. Lembro que na miña clase de Salesianos era o único que non tiña aldea. Por iso o contido agrario, tanto na TVG como na RG, ten audiencia.

Co gallo de que este galardón recaese nun galego, moitas asociacións a prol da Cultura aproveitaron para demandar unha maior divulgación do patrimonio galego. Considera que tería cabida?
Como traballador dos medios públicos e comprometido coa idea de que son bos para toda a sociedade, penso que deben estar comprometidos coa difusión cultural, entendida ésta de xeito amplo, non só nas expresións cotiás, tamén debe facerse eco dos cambios culturais profundos que están a acontecer en Galicia.n

Te puede interesar