O PSOE promove o ‘Camiño Escolar Seguro’ coa Deputación

Carmela Silva e Delfín Domínguez percorreron o “Camiño Escolar Seguro”.
photo_camera Carmela Silva e Delfín Domínguez percorreron o “Camiño Escolar Seguro”.
O candidato á Alcaldía de Ponteareas, Delfín Domínguez percorreu con Carmela Silva o itinerario no que organismo provincial investiu os 17,6 millóns de euros

O candidato socialista á Alcaldía de Ponteareas, Delfín Domínguez, amosouse orgulloso do apoio que as Administracións presididas polo Partido Socialista están prestando a Ponteareas. Nunha visita ao Camiño Escolar Seguro ao colexio Ramiro Sabell, no que a Deputación investiu case un millón de euros, destacou a mellora nos servizos, equipamentos e dotacións municipais realizados ao longo do último mandato e a necesidade de apostar polo proxecto do PSdeG-PSOE para acelerar o ritmo nos próximos catro anos e a partir do próximo 28M.

Delfín Domínguez afirmou que “camiñar por este itinerario peonil, de 1,1 Km, que o PP tratou de bloquear votando en contra da modificación do proxecto no Pleno da Deputación, é un acto de reivindicación da Ponteareas que queremos, e a mellor demostración de quen aposta polo noso concello”. Unha obra “que dá servizo non só ao colexio, senón tamén ao aos IES Val do Tea Pedra da Auga e do Barral, ademais de a toda a veciñanza de Ponteareas”. O candidato socialista lembrou que a Deputación está tamén a piques de executar a urbanización do tramo urbano da estrada de saída e entrada dende As Neves e Arbo, demostrando así que “Ponteareas sempre pode contar coa Deputación que preside unha muller socialista, como Carmela Silva”.

Delfín Domínguez concluíu que nestas Municipais “Ponteareas xógase o seu futuro”. Asegurou que “a Ponteareas séntanlle ben os gobernos do PSOE, porque cada vez que gobernamos as e os socialistas na Deputación, na Xunta ou no Estado hai investimentos significativos en Ponteareas”.

Carmela Silva coincidiu en que sempre son as Administracións gobernadas polo Partido Socialista as que fan que Ponteareas avance, como evidencian os proxectos para a Variante, o enlace coa N-120 ou a licitación das obras da depuradora da Moscadeira e a rede de saneamento. Ademais puxo en valor os máis de 17,6 millóns de euros achegados pola Deputación nos últimos 8 anos para financiar non só obras, senón tamén actividades municipais e mesmo para a contratación de persoas desempregadas polo Concello. “Da Xunta chegaron case cero euros; un auténtico escándalo democrático”, afirmou.

Te puede interesar