Kathleen March (Estado de Nova York, 1949) é galega por elección e contribúe de forma destacada dende hai décadas á proxección internacional da literatura do país como crítica literaria e tradutora. En recoñecemento ao seu labor pasado e os proxectos que segue a desenvolver, a Real Academia Galega recibiuna onte no Balneario de Mondariz como membro de honra. A filóloga reflexionou sobre o carácter global da literatura galega e propuxo novos camiños que cultivar para facela chegar “máis alá”, como fixeron no seu día Rosalía e Manoel Antonio, dous autores que marcaron a súa traxectoria. A directora da Sección de Lingua, Rosario Álvarez, foi a encargada de darlle resposta en nome da corporación.
March visitou por primeira vez Galicia en 1975 cando cursaba o doutoramento. Con formación sociolingüística e bilingüismo, lembrou que foi entón, “nun piso da rúa da Rosa en Santiago” onde descubriu a Manoel Antonio, a primeiro autor galego que leu. Alí tamén descubría as “Obras completas”, de Rosalía de Castro. “Co seu compromiso feminista foi quen me decidíu o meu futuro”. A nova académica lembrou estes episodios na lectura do seu discurso de ingreso, titulado “Máis alá do manifesto”, e recitou as súas traducións ao inglés de poemas de autores e autoras galegos de distintos tempos, dende Pondal, Rosalía e Manoel Antonio ata Luz Pozo Garza, Xosé Luís Méndez Ferrín, Alberto Avendaño, Xohana Torres, Emma Pedreira, Luísa Villalta e Marica Campo. No ensaio, dispoñible na sección de publicacións de academia.gal, a catedrática emérita da Universidade de Maine identifica a promoción da tradución como requisito indispensable para espallar as letras galegas no escenario global, pero advirte que isto non debe cinguirse exclusivamente ao libro en papel nin limitar outros camiños. “Os novos formatos non deben darnos medo ou parecernos inferiores”, sentenciou no inspirador ensaio, no que defendeu o aproveitamento de “varandas” como os libros electrónicos, os audiolibros ou os códigos QR, todos eles outras formas de traducir -considera- para gañar públicos.
Kathleen March fixo un chamado a deixar de pensar a tradución como un proxecto abstracto para pasar a considerala “como oportunidade” e apuntou que, igual que é necesario apoiar as persoas que escriben ben en galego, é preciso tamén termar daquelas que traducen e da distribución “sistemática e intelixente” das obras vertidas a outros idiomas. “A complexidade da tradución, que é parte da internacionalización da cultura galega, sairía gañando cunha directiva e entidade que se achegase ao tema da comunicación transmediatizada nos nosos días. Un organismo dedicado ao libro, á internacionalización das publicacións en galego, sería realmente ideal”, apuntou.