A VOLTAS COAS TOURADAS

Dende o único punto de vista de evitar o maltrato dos animais, o pasado día 28 de xullo vai considerarse unha data histórica, o acordarse no Parlamento de Cataluña a prohibición naquela comunidade das corridas de touros.
A importancia deste feito quedou refreada polo número de correspondentes estranxeiros que se desprazaron a sesión decisoria, que demostrou o interese mundial pola votación, e pese a que en España tratou de terxiversarse o debate polos dous grandes partidos estatais e os medios de comunicacións afíns.
O do PP é xa de un cinismo sen nome, resulta que en Cataluña prohíbese por un interese identitario dos nacionalistas; pola contra en Canarias, en 1991, cando se aprobou a mesma prohibición por iniciativa dun deputado dese mesmo partido, daquela non dixeron nada. Ou cando falan de que non son partidarios de prohibir nada, e se fan campións da liberdade, xa, mais cando queren prohibir o aborto, onde está daquela liberdade da muller, ou onde está a liberdade dos cataláns para facer o Estatuto que prefiran?
E falando de Galicia, pódese estar de acordo en que se prohiba a matanza dos porcos da forma tradicional, aínda que desto non se faga un espectáculo, ou se impida a chega de bois, na que non se produce unha soa gota de sangre, nin morre ningún animal. Aí, segundo o señor Feijóo, seguro que se pode prohibir, mais non se pode facer cando se tortura a un animal nun espectáculo inmoral, a maioría das veces subvencionado cos cartos de todos, invocando neste caso a liberdade.
De tódalas maneiras poden dicir o que queiran, pois en España un setenta por cento da xente xa é partidaria de evitar o maltrato dos touros e en Galicia o oitenta e pico por cento, polo que esta mal chamada Festa Nacional, ten os días contados.

Te puede interesar
Más en Cartas al director