VAIA EMPANADA COAS GAITAS NA VISITA DO PAPA

Con motivo da visita de Benedicto XVI, Galicia tivo a oportunidade de ser un escaparate visto por milleiros de persoas en todo o mundo. Tivemos ocasión de presenciar como desde a organización do acto se puxo todo o esmero en acoller esta visita ofrecendo o mellor da nosa terra a esta máxima autoridade da Igrexa católica.

Entre estes agasallos: unha alfombra floral típica de Ponteareas, un menú no que non faltaron pratos tan galegos como a empanada; e incluso o mesmo Papa pronunciou unhas palabras no noso idioma... Sen embargo, para o recibimento, e como única representación da música de Galicia, ofrecéuselle a banda marcial da Deputación de Ourense, que tratou de agasallar ó Pontífice (sen conseguilo porque pasou sen parar).
Se en vez de empanada, o arzobispo avergoñado pola rusticidade deste entrante galaico, ofrecese pizza ó pontífice, ou se en vez da escola de alfombristas de Ponteareas viñesen outros de Edimburgo para prepara-lo camiño que ía pisar o sucesor de Pedro, seguro que todos nos preocupariamos de que se negase con estes actos a validez da nosa cultura para nos representar ante o mundo. Pois a banda de gaitas que recibiu a Ratzinger e ó seu séquito non nos representa a nós os galegos, senón ó (dignísimo) pobo de Escocia. Nin o seu repertorio, nin esas gaitas marciais, nin os seus tambores de plástico, nin os seus vestidos pertencen ós galegos como pobo. Non nos representan.
Se o Papa pode xantar empanada, ¿non pode escoitar gaitas galegas tocando música galega? Se somos un pobo suficientemente maduro e seguro de si, ¿por que seguimos confiando en gaitas de fora para nos representar ante o mundo e ante nós mesmos?

Te puede interesar
Más en Cartas al director