Instalacións deportivas en Cangas

Gustaríame que votaran unha ollada ó lamentable estado do céspede do Estadio Municipal de Atletismo de Cangas, e que investigaran as causas desta problemática para os deportistas que se achegan a esa instalación deportiva cada semana. Dende o pasado día 15 de outubro, a Fundación Cangas Deporte comunicou ós usuarios da devandita instalación que non se podería utiliza-lo céspede ata o día 1 de novembro.
O estado do céspede non era o correcto, e era necesario realizarlle traballos de mantemento de forma anual, así que o organismo local falou coa Deputación de Pontevedra para realizar os traballos necesarios coa maquinaria que este organismo provincial dispón, e así aforrar gastos como é lóxico (aínda que non debería facer falla nin que o Concello contactara con eles). Pero cal foi a chapuzada, que a semana do 15 de novembro, realizaron uns traballos en dúas xornadas, e o campo quedou medio levantado e con area. E houbo que esperar a que o Excmo. Presidente da Deputación e o seu colega de Deportes se sacaran as fotos inaugurais coa nova maquinaria que levaba comprada dende maio. O caso é que o día 1 de novembro a instalación aínda estaba en peor estado que antes de que fixeran nada, pero esa semana do 1 de novembro unha das novas máquinas da Deputación se achegou a Cangas e fixo algúns traballos, pero o céspede segue en mal estado, lamentable para a práctica do deporte, e dando unha imaxe de abandono da instalación. Pero ¿saben quen son os prexudicados por toda esta política Raxoiista? Os centos de deportistas que se achegan tódalas semanas por esa instalación e que ven que o céspede non evoluciona, que está abandonado, e que non se lle permite utilizar dende o día 15 de novembro, e ata non se sabe cando. Pero isto non só pasa con este tema, senón que tamén temos que pensar porque a Deputación non axuda ó Concello na financiamento dunha piscina que eles comezaron a construír, ou por qué no centro de Cangas os rapaces non teñen un campo de herba artificial para practica-lo fútbol. Iso si, ós rapaces do Bahía, con tódolos meus respectos a este tradicional club, que non lles falten mochilas, balóns, viaxes, chaquetas, e unha magnífica instalación para a práctica do fútbol. E se non miren as últimas subvencións concedidas pola Deputación ós clubs da Provincia, e mirarán cal é o club da zona do Morrazo con maior dotación económica.

Te puede interesar
Más en Cartas al director