Balonmán

O futuro fica a varios presentes de distancia

A pivote viguesa lanza a portería no partido de ida dos cuartos do play-off, fronte ó Guardés na Sangriña.
photo_camera A pivote viguesa lanza a portería no partido de ida dos cuartos do play-off, fronte ó Guardés na Sangriña.
Carmen Prelchi, do Porriño, medirase ó Elxe, o seu futuro equipo, nas semifinais ligueiras

A maleta é unha fiel compañeira da deportista profesional. Hoxe estás aquí, mañá non sabes. Ou si. Porque Carmen Prelchi deixará Porriño este verán para xogar os dous vindeiros anos no Elxe, precisamente, o rival da escuadra da Louriña nas semifinais do play-off polo título de Liga. Tan preto e tan lonxe. Porque a pivote viguesa só pensa en vermello. “O deporte de elite non da tempo a asimilar as cousas boas nin as malas. Por iso, céntrome no que teño diante”, di.

A vida é así. O futuro sempre queda a varios presentes de distancia. Pode que non a moitos no caso de Prelchi, pero só un xa é suficiente para unha profesional. O é agora e o é dende hai un par de meses, cando o clube ilicitano oficializou o movemento. "Inda non son consciente de que o ano que vén non vou estar aquí. Supoño que o asumirei durante o verán, pero agora mesmo as miñas cores son as do Porriño, quero o mellor para o clube e vou deixalo todo para axudalo”, sostén a viguesa, que ten un desexo claro: “Encantaríame que o equipo xogase en Europa o vindeiro ano”.

Pase o que pase, a tempada do conxunto de Isma Martínez xa é un éxito rotundo. Clasificado para a Copa despois de varios anos e nas semifinais ligueiras tras superar ó Guardés nos cuartos. “Son partidos moi especiais”, recoñece Prelchi, que se resiste a dicir que os botará de menos coa voz. Mais a mirada non minte. “Sempre hai moitas emocións e escoitar o himno da un plus grande”, recoñece.

Este éxito deriva dun plantel forte, tanto no balonmanístico coma no humano. “É un dos mellores vestiarios nos que estiven. Temos moita sorte con este grupo", proclama.

Como parte do equipo, a viguesa tratará de chegar o máis lonxe posible no mes que lle queda de vermello. Pero a vida seguirá despois. E o balonmán tamén. “Teño o mellor traballo do mundo. É a miña paixón dende os oito anos”, afirma cun sorriso. Agora ten 24. Inda é moi nova, pero xa suma sete tempadas en División de Honra. E contando. Mais Prelchi é consciente do voluble que é este mundiño. “Estou nun momento vital no que quero seguir a desfrutar ó máximo disto porque nunca sabes canto che pode quedar”, afirma. A canteirá do Seis do Nadal chegou a esta conclusión o ano pasado, despois dunha lesión no ollo. Dende aquela, xoga con gafas protectoras. “Reflexionei moito”, confesa. “Quero vivir novas experiencias e seguir a desfrutar co que máis me gusta no mundo!”, exclama. Inda que bote de menos á familia e a súa benquerida Galicia. Pero iso xa chegará. Ese futuro inda fica a varios presentes de distancia. 

Te puede interesar