Opinión

Pepa

Pepa é a credibilidade personificada, é ese rostro amable e rigoroso que un desexa ver cando agarda a que lle boten a ración diaria de desacougo pola pantalla . Cando xa prácticamente temos perdidas as esperanzas de que alguén nos diga algo positivo ó cabo do día, se quen nos conta as desfeitas é Pepa parece como se as cousas non foran tan terribles.

Non tiña nin idea ata agora mesmo, que guichei algo en internet, de cales foron as súas orixes ou de cal é o seu currículum profesional, nin sequera dos premios obtidos e moito menos dos seus gustos personáis ou preferencias políticas. Das persoas que admiro, normalmente prefiro saber pouco da súa vida, salvo que se trate de manifesta mala xente, que evidentemente non é o caso dada, por dicir algo, a estreita colaboración da presentadora na escolarización de nenas en Camboia a través da asociación “Escuela para todas”.

Téñennos tan acostumados a que cada vez que hai cambios de governo nos sorprendan con cambios de comunicadores nas televisións públicas que hai moita xente que da por feito que a algunha destas mulleres lles quedan un par de telediarios, e nunca mellor dito; o cal non deixa de ser algo terrible, non o cambio en sí, que tamén, senón a asunción destes feitos como algo normal por parte da poboación. E mesmo sempre haberá, nese mal patio de vecindade no que se converteu internet, quen trate de unir un rostro cunha determinada posición política polo simple feito de coincidir en tempo e hora con determinado presidente ou partido governante . Desto que digo, se o desexan, algún día podo darlles un máster aportando recortes de prensa e comunicados varios de quen confunde intencionadamente actividade sindical con fobias e envexas personáis, desacreditando o nobre oficio do xornalismo e a necesaria representación dos traballadores.

Pásame con Pepa Bueno o que xa me pasaba con Rosa María Mateo ou no ámbito deportivo con María Escario, quen por certo se recupera felizmente dun derrame cerebral e á que lle desexo que pronto apareza radiante nas nosas pantallas como apareceu a actriz Silvia Abascal na Gala dos Goya; calquera delas transmíteme verdade, ou polo menos a verdade que os consellos de redacción queren transmitir; sen algarabías nin tremendismos, poñendo o sembrante serio cando a noticia é terrorífica ou esbozando un medio sorriso cando hai motivos para elo, ben lonxe do sensacionalismo co que acostuman abrir os noticieiros noutras canles. E creo que estamos en tempos de darte moito valor á palabra “mesura”; as cousas están como están e o dramatismo de moitas situacións personáis e colectivas o que menos precisan é información incendiaria ou terxiversada; máis ca nunca precisamos dun xornalismo serio e responsable, e eu engadiría creible, e para iso nada mellor que poñer á fronte tanto diante da cámara como por tras a persoas nas que prime o oficio por riba de calquera outra consideración.

É verdade que as redes sociáis teñen unha gran influencia nas actitudes e opinións de cada vez máis persoas, especialmente entre a xente máis nova, aínda que tamén teñan as veces un compoñente manipulativo importante; pero os Telediarios aínda seguen sendo o gran punto de reuníon familiar a través do que chega a realidade cotiá, unha realidade que no seu aspecto máis próximo , por se alguén o dubidaba, eu sigo a través da televisión que nos demos os galegos e pola que teñen pasado e pasan excelentes profesionáis con tanta credibilidade e oficio como os da amiga Pepa.

Te puede interesar