Opinión

Pois non. Non é críbel

Estes últimos días escóitanse voces a propósito do actual conflito en Gaza e Israel que entre outras cousas afirman que se algún día as nosas cidades e vilas (poñamos que falo de Ourense, Lugo ou Vigo) foran bombardeadas con milleiros de mísiles, morteiros e foguetes, atacadas durante anos e anos facendo imposíbel unha vida minimamente normal, eles non reclamarían e esixirian do Estado protección contra os ataques.

Pois non, non é críbel. Porque antes incluso que por exemplo, o dereito a educación ou a vivenda, está o dereito a seguridade e á vida. E Hamas leva anos violando ese dereito, acosando e provocando a Israel con milleiros de mísiles e foguetes disparados a mantenta contra obxectivos civís israelís. Algo intolerábel se mire como se mire. Absolutamente intolerábel. E iso sen contar os milleiros de disidentes de Al Fatah ou simples funcionarios da Autoridade Nacional Palestina asasinados por Hamas no seu brutal golpe de estado do 2007.

Que exercendo o seu lexitimo dereito á autodefensa (como calquera Estado no mundo, nin máis nin menos) Israel resposte ao acoso constante do islamofascismo de Hamas é lóxico e normal. O ilóxico e anormal sería non respostar e deixar desprotexida á súa poboación civil.

Que algúns solidarios selectivos non digan nunca nin palabra a propósito dos milleiros de mortos en Siria, nin organicen “flotillas da paz” co pobo sirio é algo que lles resta credibilidade.

Mais non quero rematar estas liñas sen facer un chamado urxente a Hamas como responsábel absoluto do mantemento da orde na Faixa de Gaza para que poña fin aos seus ataques e constantes provocacións en aras dunha pacificación previa da zona no camiño dunha necesaria solución negociada e pacífica do dramático conflito palestino-israelí

Porque a paz -todos o sabemos- chegará só á rexión pola vía da negociación e do pleno recoñecemento mutuo.

Dous Estados para dous pobos. Un Estado árabe para o pobo palestino e un Estado xudeu para o pobo israelí. Vivindo como veciños en paz, con certeza sen afecto mutuo, mais en paz. Non queda outra.

Te puede interesar