Opinión

Galicia e os xudeus

A conformación dos pobos e das nacionalidades é produto da sedimentación ao longo do tempo e na terra dos contactos e interrelacións producidas a través dos séculos. Ningunha nación ou pobo, por moi homoxéneo e compacto que poida semellar hoxe, é alleo a isto. Todos, en maior ou menor medida son froito das circunstancias que lles tocou vivir. Galicia, nación atlántica, tamén. 
O “ser galego” é receptor das achegas doutros pobos, e sen dúbida tamén o pobo xudeu, a milenaria cultura hebrea, son parte da nosa identidade nacional forxada no transcurso dos séculos. 
Cal é esa achega xudía a Galicia? 
Difícil dicilo con precisión, hai no noso país persoas infinitamente máis capacitadas ca min para dar -ou tentar dar-, unha resposta. Pero o certo é que Galicia e os galegos non eran obviamente iguais no ano 1000 ou no ano 1492, o carácter e a identidade galega recibiu con intensidade dispar mais cunha presenza moi regular ao longo e ancho do país, a influencia das moitas comunidades xudías asentadas en Galicia.
A convivencia no día a día destas comunidades no noso país tivo sen dúbida influencia na realidade galega ate a súa expulsión decretada curiosamente polos mesmos reis de Castela que tamén decretaran a “doma e castración” do Reino de Galicia. 
Certo que coa documentación da que dispomos actualmente, non é posíbel definir con precisión o momento da chegada dos primeiros xudeus a Galicia. A máis antiga pode quizais ser algunha vaga referencia do século X, de xudeus xa vivindo en Celanova. Mais foron moitas as vilas galegas nas que hai documentada presenza xudía e cuxa distribución xeográfica poderiamos clasificar en función dos principais núcleos xudeus e que xira sobre tres zonas:  Norte (Viveiro, A Coruña, Ribadeo, Pontedeume e Betanzos), sur (Ourense, Monforte de Lemos, Allariz, Celanova, Ribadavia, Tui, Pontevedra e Baiona) e Santiago de Compostela.
Esta interrelación, esta convivencia foi según afirman nos seus traballos referenciais no tema tanto a profesora Gloria de Antonio Rubio (Los judíos en Galicia (1044-1492), como José Ramón Ónega (Los judios en el Reino de Galicia)  e en base á documentación atopada e investigada, unha boa relación. Existen numerosas mostras de episodios que amosan esa boa relación cotiá e na que atopamos xudeus compartindo o mesmo espazo urbano, incluso os mesmos traballos e negocios cos seus conveciños cristiáns. 
Algúns exemplos podémolos atopar en Ourense, unha das cidades galegas que máis documentación conserva sobre a comunidade xudía que nela viviu e onde temos documentación que proba a asistencia de xudeus á vodas cristiáns (transgredindo flagrantemente a legalidade da época), ou tamén no mesmo Ourense e mentres no resto de Sefarad os xudeus están a sufrir virulentas persecucións, o convento de Santo Estevo confirma que esta igrexa cede uns terreos lindeiros a ela para ampliar o cemiterio xudeu. Ou o asalto no ano 1442 da sinagoga de Ourense e onde nunha insólita decisión a propia autoridade cristiana ameazou de excomuñón aos culpables do asalto.
Sen dúbida a reducida numericamente comunidade xudía axuda a explicar esta boa relación, mais é tamén innegábel que o antisemitismo, en grande medida imaxinario e irracional, non precisa en absoluto dun elevado número de xudeus para manifestarse. Tamén é certo que o Reino de Galicia ficaba na periferia do poder uniformador, obsesionado pola homoxeneidade relixiosa que representaba a coroa de Castela e na que o antisemitismo era unha válvula de escape habitual das tensións sociais. 
Fica pendente como tantas cousas no noso país, o estudo profundo e completo da presenza da pegada xudía na conformación de Galicia. Temos historiadores de enorme capacidade que veñen facendo un traballo serio de recollida e estudo das documentacións, mais na miña opinión, de xeito descoordinado e sen a continuidade precisa para poder rematar unha difícil investigación soterrada nos séculos. Os citados xa Gloria de Antonio Rubio e José Ramón Ónega mais Felipe Aira, Suso Vila ou Carlos Barros, son historiadores coa capacidade e o saber para levar adiante este inxente traballo. Falta só vontade política, vontade de saber un pouco máis de nós mesmos no pasado para saber máis de nós mesmos no noso presente e tamén do noso futuro como país, como Nación. 

Te puede interesar