Opinión

Eu son Charlie Hebdo

Cando onte á tarde prendín o móbil tiña unha escueta mensaxe de whatsapp na que un amigo dicíame: “Terrível Pedro. Triste dia hoje”. E no que primeiro pensei non foi nun problema de saúde, familiar ou laboral seu, non. No que ao momento pensei foi precisamente nun atentado terrorista.
 Este é o drama, que xa non nos sorprende, que o esperamos, que sabemos que é cuestión de tempo, lugar e oportunidade para que volva a suceder, que sabemos que temos diante nosa, un gravísimo problema non só de seguridade senón de liberdades públicas e democracia.
 Quen queira ver nas miñas palabras o máis mínimo contido islamófobo ten un moi grave problema. Porque sei distinguir e distingo entre o cidadán que cre nunha fe e o asasino terrorista que non cre que eu, nin ti, teñamos o máis mínimo dereito á vida por non aceptar a súa ideoloxía totalitaria, fanática, expansionista e xenocida. 
 Resolver un problema implica como condición sine qua non que debemos antes recoñecer que o padecemos. Logo virán as accións de todo tipo para tentar resolvelo. 
 Que a democracia e o integrismo islámico son absoluta e radicalmente incompatibles é algo que non é unha afirmación tremendista miña, é algo que eles mesmos a diario insisten en demostrar coa maior brutalidade e salvaxismo posíbel.
 Evidentemente non só o islamismo é incompatible coa vida en democracia e liberdade, outras ideoloxías como o nazismo ou o estalinismo son frontalmente contrarias aos valores que como demócratas e cidadáns libres debemos defender para nós e para todo o planeta. Mais a gravísima ameaza actual que sufrimos, que un día actuou en Atocha, coma hoxe en París e podería actuar calquera día de novo en calquera lugar ten un nome moi concreto: islamismo.
 O meu máis sentido pésame aos 12 mortos hoxe na redacción de Charlie Hebdo. Culpables de exercer e defender sen medo a nosa/súa/vosa liberdade de expresión e de opinión. Alicerce de todas as liberdades.

Te puede interesar