Buchenwald: Campo que foi nazi e logo estalinista

Buchenwald: Campo que foi nazi e logo estalinista

Foi un 23 de agosto de 1939, en Moscova, cando tivo lugar o encontro das dúas máis sinistras mareas negras que asolaron Europa durante o século XX, encontro este do que foron protagonistas os respectivos ministros de Asuntos Exteriores do III Reich alemán e da Unión Soviética, Joachim von Ribbentrop e Viacheslav Mólotov, quen asinaron -baixo a sombra e mandato de Adolf Hitler e Jósif Stalin- un pacto de non-agresión coñecido para a posteridade cos apelidos dos dous chanceleres asinantes. O pacto Ribbentropp-Mólotov contiña tamén unha vergoñenta cláusula secreta destinada ao reparto de Polonia e outras terras orientais entre as dúas potencias imperialistas.
Non son tantas as datas co eco sísmico dese 23 de agosto de hai agora 79 anos e no que os dous totalitarismos máis perversos da historia da humanidade cruzaron destinos. Reflexión esta que foi a que levou a que no ano 2008 o Parlamento Europeo aprobara declarar oficialmente o vintetrés de agosto como Día Europeo de Conmemoración das Vítimas do nazismo e do estalinismo. 
E que mellor recordatorio que o campo de concentración de Buchenwald, lugar que uniu sen solución de continuidade nazismo e estalinismo e que hoxe é un impoñente memorial á infamia, que entre os anos 1937 e 1945 foi parte do xenocida sistema concentracionario nazi para pasar despois da derrota alemá no ano 45 e ate 1950 a ser campo do terror estalinista co burocrático nome de "Campo Especial nº2".
Hoxe é o día oficial no que a memoria dos centos de galegos e milleiros de republicanos españois encarcerados e mortos en Buchenwald, en Mauthausen, en Güssen, en  Sachsenhausen... debera cando menos ocuparnos un pouco máis de tempo do que a lectura dunha nova sobre a conmemoración nos poida levar. 
A difícil reparación do dano provocado por décadas de silencio obríganos a un esforzo maior na lembranza de todos os nosos compatriotas que daquela foron vítimas nunha das páxinas máis depravadas das que son testemuña a terra e os tempos. E obríganos a un esforzo maior porque sen dúbida o calendario estival non axuda a conmemorar como debera o día. Data que xunto ao 27 de xaneiro, dedicado internacionalmente á memoria dos millóns de xudeus exterminados no holocausto (a Shoah), e do 2 de agosto que cada ano lembra o xenocidio xitano (Porraimos), debera ser cita obrigada coa nosa dignidade humana e a súa terrible fraxilidade.