Opinión

Bin Laden xa non vive aquí

A lenda de Osama Bin Laden sustentábase fundamentalmente no feito de que estaba vivo, de que conseguira atacar no corazón emocional do imperio americano e de que conseguira fuxir durante unha década da persecución (agora vese que implacábel) dos Estados Unidos. A execución en Bagdag de Sadam Hussein o 30 de decembro de 2006 alongou a súa lenda e fixo máis escandaloso se cabe o estrondo da gargallada perpetua na que vivia o inimigo número un dos Estados Unidos e de todo Occidende. Porque podían caer si, e con relativa frecuencia nas montañas de Paquistán ou en Afganistán os números tres de Al Qaeda, mais Bin Laden seguía agochado na súa fortaleza descoñecida. Ate hai uns días.

Pero cal foi o maior éxito de Bin Laden? Na miña opinión claramente o maior éxito de Bin Laden foi conseguir crear unha organización que podía (poderá?) sobrevivirlle. Esixía a outros grupos yihadistas -ao xeito dunha franquicia do terror- un xuramento de lealdade e acatar unha mensaxe islamita fanática, pero non impuña misións concretas e permitía a ampla autonomía operativa dos múltiples grupos que operan sob o paraugas de Al Qaeda, “A Base”. Porque a descentralización é un dos puntos crave da súa exitosa estratexia e o que o facía -e fai- máis perigoso para os servizos de intelixencia occidentais que desde hai unha década tiñan a cabeza de Bin Laden como obxectivo número un.

Descabezar a Bin Laden (figuradamente) é sen dúbida descabezar á organización máis perigosa do actual mapa do terrorismo islamista a nivel global. Afortunadamente morto Bin Laden, ningún membro de Al Qaeda poderá durmir xa tranquilo. Lembrar que Estados Unidos chegou a ofrecer 50 millóns de dólares pola súa captura e aínda así ninguén falou, ninguén delatou a quen parecía posuir o don da invisibilidade e da fortuna eterna. Ate hai uns días.

Algúns analistas afirman que o perigo ven agora, que a vinganza de Al Qaeda será terribel. Discrepo. Por suposto que Al Qaeda tentará provocar unha masacre, cometer un acto terrorista de alta simboloxía. Mais a cuestión é, antes, con Bin Laden vivo, non era ese un dos obxectivos fundamentais e fundacionais de Al Qaeda?

Se os actos denominemos megaterroristas (11-S, 11-M, Metro de Londres...) non sucederon con máis frecuencia foi só pola eficacia dos servizos de seguridade e de intelixencia que nun discreto e escuro segundo plano, traballan día e noite para que os peóns da historia poidamos subir a un tren, baixar a un metro, voar nun avión… sen ver posta en perigo a nosa vida só pola visión fanática, totalitaria e xenocida do terrorismo islamista, nomeadamente Al Qaeda mais non só Al Qaeda.

Porque hai moitas máis bandas terroristas de ideoloxia islamista no mundo. Hai uns días, foi feito público o acordo entre Al Fatah e o grupo terrorista islamista Hamás. Un acordo que seica pretende pon fin ao duro e inclemente conflito interno entre unha Fatah que quere chegar a un acordo negociado de Paz con Israel, baseado na solución de dous estados para dous pobos, e unha organización manifestamente terrorista que chama e reitera unha e outra vez que o seu obxectivo é a destrucción de Israel e o establecemento dun califato islamita que ocupe todo o actual Estado de Israel e os Territorios palestinos, (Cisxordania e a Franxa de Gaza). Onte unha das reaccións máis sinceras e honestas (nunca discutirei a “honestidade” homicida de Hamas) á morte de Osama Bin Laden foi precisamente a que chegou desde Gaza na voz do seu máximo dirixente Ismail Haniyeh quen á vez que condenou a acción norteamericana, loubou a quen denominou “guerreiro santo do Islam”. Sen comentarios.

Por último chámame poderosamente á atención, a dupla vara de medir (mais unha vez) de tantos e tantos columnistas, tertulianos, políticos, etc... que hoxe saúdan con alegría (que eu por suposto comparto) a eliminación dun terrorista baixo un “formidábel operativo norteamericano”, “nunha operación de película”, “de alta precisión” e logo, cando as forzas de seguridade de Israel levan a cabo unha acción semellante contra algún terrorista responsábel como Bin Laden da morte de centos de civiles israelís en salvaxes atentados indiscriminados en Centros Comerciais, Discotecas, Universidades, Kibbutzs, autobuses escolares…entón a acción, que cando fora executada por operativos norteamericanos foi “unha gran acción de intelixencia e militar” pasa a ser denominada como “terrorismo de estado”. Cousas veredes Don Sancho.

Te puede interesar