Opinión

Brexit nunha UE á deriva

OBrexit xa ten data. O 29 de marzo será o día no que o Reino Unido (RU) comunicará a súa saída da Unión Europea. Bruxelas xa respondeu que dará unha contestación inmediata. A negociación comezará axiña, cun prazo máximo de dous anos. Todo fai pensar que o acordo non vai ser doado, xa que ao núcleo duro da UE interésalle escenificar todo tipo de atrancos e custes extras pra que este exemplo non teña seguidores. Máxime cando o futuro da Unión non está garantido. Non tanto pola confrontación en relación á emigración e aos refuxiados, que é un aspecto máis, senón porque o tempo vai evidenciando que a integración funciona mellor pra uns que pra outros, e que a igualdade e a solidariedade eran espellismos. 
O medo ao mal exemplo, así como o feito de que debilita a UE no eido económico e no militar, son as razóns polas que Bruxelas reclama nada menos que 60.000 millóns de euros pola saída. A isto súmase unha forte campaña mediática, pra dar visibilidade e alentar aqueles grupos que están contra o Brexit. Estes van, no interno, desde o independentismo escocés e galés, e os numerosos inmigrantes europeos, ate aquelas empresas, directivos e profesionais dependentes do mercado doutros estados da Unión Europea. Esta satanización alárgase a todos os estados membros, pra evitar o contaxio, o que amosa a debilidade do proxecto europeo neste intre, que se reflicte en todas as enquisas realizadas. 
O triunfo do Brexit tivo un importante compoñente económico, daquela que as zonas máis deprimidas e unha maioría da clase obreira (tamén descendentes de inmigrantes), votase a prol da saída. Asemade, xogou un papel importante o orgullo nacional. Nun estado que foi un gran imperio isto ten moito valor na conciencia colectiva. Daquela que gañase o Brexit, malia o discurso hexemónico a prol da globalización, e a utilización do multiculturalismo, non pra alentar a integración senón como arma pra desestruración, individualizando e fragmentando as relacións e a contestación social. Esta postura, consubstancial coa globalización neoliberal, ten como obxectivo debilitar a oposición das clases populares, entre outros aspectos, xa que garante unha porcentaxe moi alta da man de obra de reserva (paro, inmigración). 
A saída afecta ademais ao persoal británico na UE, e a aqueles organismos europeos que residen no RU. Ademais, Bruxelas perde unha parte dos ingresos cos que paga a súa estrutura burocrática. E isto non é un aspecto menor, porque o Reino Unido representaba un 12,8% da povoación, uns 65 millóns de persoas, e o 16% do PIB en 2014. É un impacto importante. Ollemos outros dados básicos. A renda por persoa no RU é un 58% superior á do Estado español (38.100 euros e 24.000 respectivamente), a taxa de desemprego está no 4,7%, non precisa comentario. A idade de xubilación en 65 anos pra os homes e 63,5 anos pras mulleres.  O risco de pobreza atinxe ao 16,7% da povoación, no Estado español o 22,1%. 
O comercio exterior británico ten un déficit importante, que se compensa na balanza de pagos co sector servizos. Ate que punto este se verá afectado polo Brexit? Ábrense moitas incógnitas. Mais cómpre lembrar que Londres xoga un papel destacado no mercado de materias primas, e polo tanto en Asia, África, Oriente Medio, América Latina. Tampouco semella que teña consecuencias especificas sobre a recente inmigración masiva de Polonia, Lituania e o Estado español, malia o alarmismo creado. Aínda que pode ser unha moeda de troco pra frear o maximalismo de Bruxelas. Agora ben, sen dúbida deixa á Unión Europea tocada, máxime despois de machacar a Grecia, errar nas relacións con Estados Unidos e Turquía, e illarse de Rusia. E moi especialmente, por apostar por medidas de axuste que aumentaron a precariedade e a pobreza, e a desigualdade entre clases e países. 
* Director da Fundación Fesga.

Te puede interesar