Opinión

Solidariedade

Utilizamos con frecuencia esta palabra para indicar que nos unimos afectivamente a un grupo en apuros ou a unha persoa que necesita do apoio doutros. Hai os que aproveitan a doada adhesión pola palabra para facer publicidade das súas ideoloxías. Pero tamén hai os que arriscan as súas comodidades para comprometérense de verdade coas situacións concretas dos que piden xustiza. Hai os que percorren as rúas cóbado a cóbado con outros, e axudan nas instancias precisas. Hai os que acompañan na manifestación, e contribúen segundo as súas posibilidades a que se arranxen as cousas. Hai os que se fan eco das palabras, pero comparten tamén as accións necesarias.
Somos solidarios cando asumimos a causa do outro; non nos contentamos cunha participación superficial sobre a base de calquera clase de manifestación; dalgún xeito, facemos nosa a cuestión formulada; sentímonos realmente implicados. Somos solidarios cando participamos efectivamente na empresa que se acomete, cando apoiamos o esforzo por culminar o intento, cando colaboramos na operación emprendida.
A solidariedade integra as vontades e os esforzos; na realización práctica e non só nas interioridades de desexos íntimos. A solidariedade promove adhesións firmes e auténticas. A solidariedade estimula saludablemente o dinamismo social. Na práctica é un proceso contrario á masificación. Seguramente non abunda a solidariedade nestes niveis. Ou acaso sexa unha realidade máis viva do que parece, ou do que recoñecemos de feito. Eu sigo crendo no ser humano.

Te puede interesar