Opinión

Vías culturais e camiños de Santiago

Acabo de pasar a xornada na comarca cántabra de Liébana, onde a memoria de Santo Toribio e dis que os restos de madeira dun anaco procedente -seica- da cruz na que Jesús foi axustizado, andan a celebrar o Ano Xubilar lebaniego, convocando, de tal xeito -e dou fe diso-, a unha morea de xente que xungue as súas apetencias pola natureza espectacular dos Picos de Europa coa relixiosidade ou a curiosidade cultural, e atopan nesa dualidade un motivo para achegarse ata alí.


Sirva, pois, esta circunstancia persoal para retomar unha columna que quixen escribir o pasado sábado baixo o título que agora acaba de ler -benquerido lector- e que por arte de birle birloque tomou outro camiño radicalmente diferente ó que os dedos  comezaron a encarar cando me puxen a escribir.


Quería eu divagar daquela sobre as diferencias existentes entre unha "Vía cultural" (termo incluído na nova Lei do Patrimonio Cultural) e o Camiño de Santiago, sobre o que levo tempo teimando dun xeito especial dende que foi presentada unha Proposición Non de Lei polo grupo político En Marea para que aquel que pasa pola miña porta (en sentido figurado) sexa recoñecido coma un ramal do Camiño Portugués porque, entre outros moitos avales históricos, xeográficos e culturais que o sosteñen, conta tamén coa rara virtude de comunicar Braga con Ourense, ou o que é o mesmo, o Camiño Portugués da costa coa Vía da Prata ou Camiño Mozárabe, que tamén se lle di. Define, a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, unha "vía cultural", como aquela "vía ou camiño de características orixinais recoñecibles que forma parte ou que o formou no pasado da estrutura tradicional do territorio, cun relevante interese histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico ou antropolóxico".


Por outra banda, a mesma Lei define os Camiños de Santiago do seguinte xeito:
"Os Camiños de Santiago están formados polo conxunto de rutas recoñecidas documentalmente das que pode testemuñarse o seu uso como rutas de peregrinación de longo percorrido e que estruturan, conforman e caracterizan o territorio que atravesan”.


E, non sen antes enumerar a rede de Camiños, entre os que inclúe "o Camiño Portugués, interior e da costa", tamén indica que, "poderán ser recoñecidas como Camiño de Santiago aquelas rutas das que se documente e xustifique convenientemente a súa historicidade como rutas de peregrinación a Santiago de Compostela e a súa influencia na formalización da estrutura do territorio polo que transcorren".
Pois ben, agora que se cumpren dez anos de cando, ó igual cá comarca da Liébana, Celanova celebrou un Ano Xubilar que desgraciadamente non  tivo continuidade no tempo, se eu lle preguntase cál das dúas definicións legais ve máis acaída para un camiño con máis de mil anos de historia e que foi lugar de paso obrigado para “servos e libres, nobres e plebeios” de calquera lugar que se achegaran, vostede que me contestaría? Pois iso. Un ramal do Camiño Portugués. Mal que lles pese ós puristas.

Te puede interesar