Sobre o que desvela Del Riego

Sobre o que desvela Del Riego

Recoñezo que si empezo dicindo que Perfecto Conde é un gran entrevistador non empezo dicindo nada novo pois trátase dunha cousa ben sabida; sen embargo atrévome a empezar por aí pois non está nada de máis recordalo de vez en cando. É certo que son as respostas as que nos dan idea do personaxe entrevistado, pero non é mentira que se non hai preguntas que as provoquen non hai respostas que paguen a pena.
Pra que unha pregunta se sosteña e dea lugar a unha boa resposta é precisa unha petición primeira da entrevista. Nese momento axuda o talante persoal  moito máis, quén o diría, que unha concreta traxectoria profesional. Sei eu de xente moi importante que lle solicitou repetidamente a Paco del Riego a entrevista que sempre lle foi negada; en ocasións, respondéndolle que porque sabía todo canto lle ían preguntar e ía ter que mentir moito máis do que debera. Así que, a pesares de negar tantas, aceptou a que lle propuxo Perfecto Conde. 
Fixérona case que ritualmente, en varias sesións previas a un xantar co que Don Paco, como gustaba de ser chamado, agasallaba ó seu entrevistador. Eu acabo de ler o resultado desas sesións nas que del Riego non eludiu ningunha resposta e da súa boca foron xurdindo retratos e máis retratos dos seus máis próximos amigos e compañeiros de arelas galeguistas; de todos di cousas certas e de todos fai valoracións que os demais nunca fixeron del; por exemplo, di de Carlos Casares que era moi vago e pouco dado ó traballo, que pasaba a vida indo dun lado pra outro, sen render todo o que debera. Di máis cousas, claro. Pero o certo é que se comparas a obra literaria de Casares e a súa transcendencia publica, coa do propio del Riego, resultará que este foi un afouto traballador, sí, pero que tamén o foi o excelente escritor e extraordinario narrador oral no que todos recoñecemos ó autor que, non nacendo en Xinzo, pasa por ser dalí e certamente o era.
Na entrevista, e sabiamente, Perfecto Conde vai logrando saber qué pensaba del Riego de uns e doutros; de Piñeiro tamén. Discrepo eu de Santiago Jaureguizar, que no meu entender ven sendo o maior e mellor analista, o que máis asisada e crítica atención presta ó noso entenrecedor ambiente cultural, cando di que PC non entra a fondo reclamándolle a del Riego que afonde nas respostas porque se tal cousa chegara ter feito de certo que Paco del Riego se tería pechado en banda e aí remataría a entrevista.
O retrato final, velaí o mérito do entrevistador, non é o dos que del Riego lles vai facendo  ós seus amigos, senón o del mesmo. Ou tal se pode desprender tamén do artigo de Jaureguizar: "o entrevistado emite revelacións sen contrastar, lembranzas incertas e apreciación subxectivas que resultan interesadas, taimadas e autoxustificativas". A verdade é que hai que lle botar valor, neste país, pra opinar así dun santón feito e dereito coma foi e segue sendo Don Paco.
Qué falso é aquilo de que o tempo, de que a vida acaba poñendo sempre a un no seu sitio. Eu, que algo sei destes temas que se tratan no libro de Perfecto Conde, recordo sempre que se fala de quen SJ cualifica como oficinista cultural e dono dun estilo literario que non supera a mediocridade (co que podemos regresar á súa valoración de Casares) eu, dicíalles, recordo por exemplo a Mariño Dónega que foi obxecto de tantas críticas cando estivo en nómina gubernamental na súa condición de asesor de García-Sabell, no tempo no que este foi delegado en Galicia do goberno central. Dónega acudiu tódolos días ó seu posto de traballo mentres Del Riego, que gozou da mesma condición, tan só o fixo a finais de cada mes a fin de cobrar a nómina e facerse cos habanos que García-Sabell apañaba pra el en cada ocasión na que alguén llos ofrecía e na que sempre apañaba con dous; un pra Don Paco, claro. SJ ten ben cerca quen lle pode confirmar estes extremos. 
De min tamén fala e calquer outro día o mesmo falo eu del e das afirmacións que fai sobre min e sobre a miña conduta, seguro que o farei. Ou non, quen sabe. Hoxe voume limitar a corrixir a súa afirmación de que me publicou un libro... por que non é así. Quen "me publicou" o libro, quen decidiu a súa edición e mesmo fixo a escolma dos poemas contidos en "Mencer de lúas" foi Carballo Calero, non outro. Quen o levou a Galaxia, previo paso por Xelmirez 15, foi Don Ricardo. Neste ano, sen pena nin gloria algunha, cúmprense os cincuenta anos da ocasión que se sinala. Quen me publicou o libro foi "Galaxia" así que, ou foi ela, a sociedade sen ánimo de lucro, ou del Riego "me publicou" un feixiño máis de libros que non cita cando algúns deles son ben millores que o meu primeiro poemario.
Téñolle tanta lei ó recordo de Piñeiro que case que me vou contentar co dito de Casares; cando é sabido como acabou a fraternal relación que mantivemos entre nós os dous. Non soará a amiguismo o que afirmo del, pois sempre intento esquecer o persoal cando valoro unha obra literaria ou o conxunto dunha vida. En cambio se o digo de Piñeiro si que poderá soarlle a algo a máis dun lector medianamente asañado. En todo caso non deixa de ser curioso como del Riego trata a unhas figuras e como as maltrata; por exemplo, a Celso Emilio Ferreiro; por exemplo, a Filgueira, ou o mesmo Risco; ou como pretende salvar a Cunqueiro cando en realidade a quen esta salvando é unicamente a el mesmo pois de vagar vai soltando a información que tantos outros calaron. Ramón Loureiro, que no é un epígono de Cunqueiro, pois sería tan bo escritor como é aínda que Cunqueiro non houbese existido, sabe bastante desto. O problema é que acaso o máis sensato sexa non falar nunca a calzón quitado de todo isto. O ambiente que desvela del Riego así parece indicalo. Está todo moi podrecido. Cómo se pode pensar así de tanta xente e a pesares delo convivir con ela como se nada. Posiblemente "sabendo estar". 
Estalles moi de moda ou, dito doutro e máis vello xeito, é de moi bo ver, implica estar à la page, estar ó día ou, xa postos, estar in, o feito de escribir os títulos das cancións en inglés; é máis, se queres ter lectores entre a xente nova, debes encher os teus artigos deses títulos que denoten a túa enorme erudición, o teu amplo coñecemento da discografía anglo saxona. Autores hai, e non sinalo co dedo que disque e de moi mala crianza, que deben grande parte do seu éxito a esta condición sine qua non tes nada que facer. 
Debo recoñecer que, entre os doce e os catorce anos, estudei latín, en segundo, terceiro e coarto do bacharelato; que logo volvín a el nos que se chamaban os dous cursos comúns de filosofía e letras;  e que o francés tamén formou parte da miña infancia e primeira mocidade. Pero aínda foi peor. Daquela escoitabamos cancións francesas e, así, quedeime coas cancións de Edith Piaf,  Juliette Greco, Barbara, Silvye Bartan, Charles Aznavour, Jacques Brel, Moustaki... e tantos outros que a penas é algo o que lle din ás novas xeracións de galegos. Imanixense a ónde irei eu con tal bagaxe?