Opinión

"O Griffon" e un corresponsal

Malia que a min me aprenderon de neno que as cartas pertencen, non a quen as escribiu, senón a quen as recibe e pode facer delas o uso que máis lle pete, tamén me avisaron de que convén ser respectuoso coa intimidade allea e ser precavido neste tipo de cuestións.
Confeso que son un adicto ó Facebook. Sempre digo que vou deixalo, pero sempre volvo a el. Chegados estes derradeiros días do ano, adoitan aparecer no meu valo (por que chamarlle “muro”?) moitos vídeos nos que podo contemplar os temporais que corren os barcos mercantes e de pesca. Non os transatlánticos, que agora xa non os hai, pero si os enormes cruceiros nos que eu xa non navegarei nunca, madia leva. De contado, eses vídeos, cólgoos nese meu valo. Recórdanme e fanme revivir os temporais que eu corrín cando era un rapaz e navegaba. Fanme sentir a inmensa e indescritible sensación que te invade cando comprobas como unha enorme masa metálica de douscentos metros de eslora e miles de toneladas de desprazamento se impón a vagas de mar de vinte ou máis metros de altura facéndoo a impulsos das túas decisións e da túa vontade porque te pode ir a vida nelo.
Tamén me chegan vídeos de veleiros atravesando mares axitados, pero admirando como admiro a valentía dos patróns que os gobernan, a súa mestría no manexo do barco, non son quen de me subtraer á opinión que suscitaban en nós, os que eramos mariños profesionais, os iates e veleiros cos que nos cruzabamos no medio do océano: navegación de recreo, diciamos despectivamente esquecéndonos de que compartiamos vocación e amor pola arte de navegar, que iso é o que é... ou era cando levala a cabo supuña unha aventura, amén dun risco, Agora, perdida a primeira condición, a da aventura, so resta o risco que, alleo dela, constitúe algo que non sei como cualificar debidamente. Pero deixemos isto e pasemos a esoutra ocupación que nos trouxeron os tempos e consiste en navegar polas redes, que tamén poden resultar navegacións por mares procelosos. Así que regresemos a por onde empezamos.
Envolveitas non no anonimato, pero si na privacidade, chegan mensaxes de toda condición e tipo a través do Facebook. Eu recibín onte unha da que, como xa advertín, respectarei o anonimato, vindo como ven debidamente asinada. Non me resisto a reproducila eiquí, tal e como chegou a min, sen corrixir nada. Fala dun mar proceloso, o do mundo literario, que espero que xustifique a súa reprodución. Aí lles vai:
"Acabo de ler a súa novela ‘Xa vai o grifón no vento’. Sorprendeume. Nunca lera nada seu e sorprendeume o ben documentada que está a historia da Invencible, tamén as citas relixiosas (coido que vostede é mariño o que se nota no vocabulario). As citas en latín son súas? A Historia do visitador lese con moita máis avidez que a de Martín, o profesor visitante, que é máis cansina. Tamén me chamou a atención os escenarios de amor á terra. Anque retrasados, os meus parabéns. Con respecto ó que se publica en Galicia (o que eu coñezo) é unha obra de altura. So os prexuízos me impediron que a lera antes. Parabéns. Ten algunha recente publicada, preferentemente en galego? Un saúdo".
Primeiro quero agradecerlle ó meu comunicante que o sexa. Logo comentar que me parece ben que lle canse a historia do profesor e non a do inquisidor: hai outros lectores ós que lle sucede exactamente o contrario. Todos están no seu dereito e eu no obriga de admitilo..Pero o que máis lle agradezo é a confesión de que fosen prexuízos os que lle impediron ler antes “O Griffon”. Realmente é procelosa a nosa realidade. A novela acadou o Premio Nacional de Literatura, foi o primeiro que se lle otorgou a unha novela non escrita en castelán. Un bombazo. Logo foi considerada a millor novela estranxeira publicada en Italia no 1990 e traducida a varios idiomas de xeito que dela se leva vendido máis dun millón longo de exemplares polo mundo adiante. Lévanse feito teses doutorais sobre ela, non eiquí, claro, senón por aí fora, e en máis dun congreso se dedicou especial atención ó seu estudio. En Italia foi lectura prós rapaces de bacharelato e a conta delo recorrín moitos dos institutos e moitas facultades de letras falando dela. Eiquí non.
Eiquí, os prexuízos, fan que un home feito, lector vocacional na nosa lingua, atento á súa produción literaria, como coido eu que ha ser o meu corresponsal, non teña nin idea das últimas novelas escritas por min na nosa fala. Pero non é cousa súa. Podo ter “O Griffon” reeditado non sei cantas veces en ruso ou en inglés, pero non velo nas librerías de Galicia porque non está reeditado. Eu podo ser un tipo atravesado, que non sei estar, medio misántropo e raro, solitario en exceso, e todo o que algúns queiran e pretendan que sexa, pero levo escrito máis páxinas en galego que calquera dos meus colegas e colaborado en gran medida ó seu espallamento por aí fóra do que moitos admitirán nunca. Por iso agradezo, de todo corazón e así o manifesto, que alguén confese que foron os prexuízos os que lle impediron ler “O Griffon”. Como xa sabe onde atoparme se o meu corresponsal non encontra eses meus libros que mo diga que algún deles podo ter pra el. A vida hai que tomala como ven. Navegar é necesario, vivir non. Aviso: a frase non é miña.

Te puede interesar